Denuncian o "deplorable" estado da unidade de drogodependencias de Pontevedra

Pontevedra
22 de novembro 2019

Humidades, desconchados, gretas, cables soltos, cadeiras de brazos vellas, cheiros nauseabundos ou baños impracticables son, entre outros danos, o estado "deplorable" no que, segundo denuncia Cidadáns, está a unidade asistencial de drogodependencias de Pontevedra

Unidade asistencial de drogodependentes de Pontevedra Ciudadanos Pontevedra

Humidades, desconchados, gretas, cables soltos, cadeiras de brazos vellas, cheiros nauseabundos ou baños impracticables son, entre outros danos, o estado "deplorable" no que, segundo denuncia Cidadáns, está a unidade asistencial de drogodependencias de Pontevedra.

O portavoz de Cidadáns, Goyo Revenga, lembra que a cidadanía ten "dereito a ser tratada con dignidade" en calquera centro sanitario, "sexa cal for a patoloxía pola que acode a el" e iso non ocorre neste centro.

Todo iso está producido, segundo Revenga, pola falta de mantemento por parte do goberno municipal nunha unidade que atende a persoas adultas e menores de idade con problemas de adiccións.

"Gustaríame preguntarlle ao equipo de goberno como cre que sentirá unha persoa se cando é derivada a esta unidade, o primeiro que se atopa é esta imaxe, que deixa claramente de manifesto o pouco interese da administración cara as vítimas de trastornos adictivos", denunciou o dirixente de Cidadáns.

Esta situación fai que o centro, que está formado por dous locais, un cuxa fachada dá á praza Valentín García Escudeiro e outro que dá a Julio Camba, sexa "indigno" para os pacientes e para os traballadores.