Denuncian o cese de 36 traballadores anti incendios de Pontevedra en época de alto risco

Pontevedra
02 de decembro 2017

A Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia denuncia que en novembro o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia cesou aos empregados que cada ano tan só teñen contratados tres meses

Imaxes nocturnas do incendio de Tenorio Diego Torrado

A Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia (Atrifoga) denuncia que en novembro, un mes despois da onda de incendios forestais e co risco aínda alto de actividade incendiaria, o servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia cesou aos empregados que cada ano tan só teñen contratados tres meses. 

Esta medida, xeneralizada en toda Galicia, afectou a Pontevedra directamente, en tanto que no Distrito Forestal XIX Caldas - O Salnés hai 36 traballadores que só están activos tres meses ao ano. Esta zona forestal atenda ás demarcacións de Caldas-O Salnés, O Morrazo e Pontevedra. 

Tras a onda de incendios de outubro, a Xunta ampliou o tempo de traballo do persoal de tres meses do SPDCIF e prolongou o dispositivo, pero finalmente 436 traballadores foron cesados o 12 de novembro. Ademais, esta mesma semana, o 30 de novembro, se prevía cesar a 626 fixos-descontinuos de 9 meses.

A asociación insiste en que no momento do cese destes traballadores as precipitacións foran mínimas, a porcentaxe de humidade tanto ambiental como de vexetación era baixo e persistía -persiste a día de hoxe- unha seca extrema que facía que a biomasa vexetal puidese arder con suma facilidade. Ademais, había temperaturas altas diúrnas e baixas en horas nocturnas, acompañadas de xeadas que fan que se reseque máis a vexetación, incrementando o risco de incendio. 

Respecto diso, indican que unha proba de que o perigo persistía é que a administración mantivo ata esta semana a prohibición expresa de realizar queimas de restos agrícolas ou forestais.

A asociación insiste en que na actualiad hai, en xeral, unha desestacionalización do risco de incendios, xa que arde en calquera época do ano e non só no verán (en 2017, por exemplo, os peores meses foron abril e outubro) e considera que a Administración debe cambiar a súa estratexia para facer fronte a unha nova tipoloxía de grandes incendios forestais: explosivos, simultáneos e concentrados nunha zona xeográfica -que colapsan os sistemas de extinción e de emerxencias-.

En opinión destes profesionais, deberíase dar prioridade ás políticas preventivas que diminúan os riscos e minimizen as perdas ocasionadas por incendios que resultan devastadores con centos ou miles de hectáreas calcinadas.

Ademais, engaden que ese persoal de tres meses vaise ao paro sen dereito a optar a un subsidio polo seu "contrato temporal e precario" que os mantén "condenados a traballar só tres meses ao ano" mientrsa si hai empresas como Seaga e Tragsa que este ano están a incorporar persoal para participar nos labores de recuperación forestal das zonas arrasadas polos incendios.

Arquivado en