Denuncian o "apagón" no portal de Transparencia da Deputación

Pontevedra
30 de novembro 2023

O Partido Socialista acusa ao PP do borrado do acceso á información sobre as retribucións económicas da Corporación provincial mentres seguen sen coñecerse as declaracións de bens e intereses do equipo de asesores

Ana Laura Iglesias, deputada do PSOE PSdeG-PSOE

O Partido Socialista denuncia que o portal de Transparencia da web da Deputación "experimenta outro dos seus xa habituais apagóns", afirman que "desta volta borráronse tódolos datos relativos ás retribucións da Corporación provincial, incluídas as do presidente e as dos deputados e deputadas do Goberno". 

O PSOE lembra que o Observatorio de Accesibilidade do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital fixo un recoñecemento á calidade do portal web do anterior Goberno provincial que polo seu cumprimento da normativa europea mereceu unha nota sobresaínte.

A deputada socialista Ana Laura Iglesias destaca o "paradoxo" de que este sobresaínte á anterior web provincial "coincida co apagón dixital na transparencia do actual Goberno" e afirma que ao novo Executivo provincial que preside Luis López "parece que non lles gusta que a cidadanía saiba o que cobran os deputados e deputadas do grupo de goberno". 

Iglesias recalca que no portal de Transparencia aparecen os nomes dos deputados con dedicación exclusiva (todos do PP, incluído o presidente), ademais das retribucións por asistencia aos plenos, ás comisións informativas e á Xunta de Goberno provincial. 

O PSOE asegura que "a opacidade na Deputación é norma habitual" e lembra que a día de hoxe seguen sen publicarse as declaracións de intereses e resumo do IRPF do equipo de asesores, información que si publicaba o anterior Goberno provincial.