Denuncian o abandono do carballo de Santa Margarida ante institucións estatais e europeas

Pontevedra
29 de novembro 2016

O grupo de traballo Anovaterra sumouse este martes ás denuncias polo "abandono, falta de coidado e actuacións contraproducentes" no Carballo de Santa Margarida, en Mourente, e o seu entorno. Consideran que é responsabilidade da Igrexa, da Xunta de Galicia e do Concello de Pontevedra

Carballo de Santa Margarida Cristina Saiz

O grupo de traballo Anovaterra sumouse este martes ás denuncias polo "abandono, falta de coidado e actuacións contraproducentes" no carballo de Santa Margarida, en Mourente, e o seu entorno e mesmo lle puxo nome aos responsables. Consideran que é responsabilidade da Igrexa como propietario do recinto, da Xunta de Galicia porque ten competencias sobre o patrimonio natural e do Concello de Pontevedra. 

Na súa opinión, o estado actual do carballo e o seu entorno constitúe a "expresión do desprezo e a incompetencia" fronte a un dos exemplares máis singulares do patrimonio vexetal que aglutina historia, cultura, memoria colectiva, paisaxe, vida e identidade dun pobo e unha cidade.

O colectivo esixe ao Concello coñecer o proxecto que se anunciou nos últimos tempos para a súa recuperación, que conta cun orzamento de 200.000 euros, e saber detalles sobre o seu financiamento tendo en conta o caso da recente participación municipal nas obras da basílica de Santa María, nas que financiou 8.000 euros dun orzamento de 17.000.

Anovaterra optou por poñer en coñecemento de diferentes organismos e institucións estatais e internacionais a situación do carballo, un problema que "afecta a un elemento tan singular" e, con carácter xeral, a grande parte do patrimonio cultural e ambiental galego nunha situación grave de deterioro e risco de destrucción de moitos elementos do patrimonio cultural.

En concreto, o colectivo denunciou a situación ante o Concello, as consellerías de Cultura e Medio Ambiente, os ministerios de Medio Ambiente e Cultura, a Axencia Europea de Medio Ambiente e a institución do Valedor do Pobo.