O Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG concentrouse este xoves 10 de outubro na Praza da Peregrina en demanda dun sistema público de pensións forte que permita que calquera pensionista teña unha pensión que lle permita vivir con dignidade e sen penurias.
Xose Lois Portabales, responsable do colectivo de Xubilados/as e Pensionistas de CIG Pontevedra, a preguntas de PontevedraViva manifestaba que "estamos quedando atrás no tema das pensións, porque queremos que se faga a revisión polo IPC real, non o comparativo".
Lembraba o representante que Galicia ten as segundas pensións máis baixas de todo o Estado, en concreto, 173 euros menos ao mes que a media estatal.
Neste sentido, Ourense ostenta a triste marca de ser a provincia coa pensión media máis baixa de España.
A pensión mínima contributiva na actualidade está fixada en 825,20 euros ao mes e a pensión mínima non contributiva é de 517,9 euros.
Dende o sindicato denuncian en que calquera das dúas cifras é claramente insuficiente para unha vida digna, dada a constante escalada de prezos.
Reclaman que a pensión mínima sexa equivalente ao salario mínimo interprofesional, "porque hai xente que está cobrando de pensión 500 e poucos euros e non son capaces de vivir con iso", remarcaba o representante dos xubilados e pensionistas.
Mesmo saben de casos de persoas que, malia percibir unha pensión, tiveron que acudir aos Servizos Sociais na busca de axuda.
Explicaba Portabales que adoito se atopan con persoas que ao remate da súa vida laboral lles quedou unha pensión moi baixa debido que a empresa onde traballaron cotizoulles por unha base moi baixa.
En total, realizáronse este xoves protestas en sete cidades galegas. Ademais da mobilización de Pontevedra, os xubilados e pensionistas concentráronse en Vigo, A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo e Ourense.
O sindicato anuncia que, polo menos, ata final de ano, repetirán as concentracións todos os meses.