Denuncian interrupcións inxustificadas na venda de billetes nas estacións de Pontevedra e Vilagarcía

Pontevedra
21 de setembro 2021

O venres 17 producíase ás 18:00 horas o peche do despacho de billetes na estación de Pontevedra e na de Vilagarcía de Arousa tanto o sábado como o domingo ás 20:30 horas. O sindicato CGT alerta de que neste escenario de pandemia hai risco de que as persoas que acceden ao tren sen billete superen o aforo máximo de seguridade

Estación de tren de Pontevedra PontevedraViva

A sección ferroviaria do sindicato CGT (Confederación General del Trabajo) alerta das repercusións que a falta de persoal na canle de venda de Renfe está a ter nos servizos que se prestan nas estacións de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.

O sindicato denuncia varias interrupcións na venda de billetes esta pasada fin de semana polo peche inmotivado do despacho de billetes.

En concreto, o venres 17 de setembro, un día de alto tráfico ferroviario de estudantes e traballadores, o Centro de Viaxes de Renfe en Pontevedra pechou ás 18:00 horas, deixando de vender billetes e atender aos viaxeiros que se dispoñían a coller o tren con destino a Santiago de Compostela, principalmente.

No caso da estación de Vilagarcía, informan de que o peche tivo lugar ás 20:30 horas tanto o sábado 18 como o domingo 19, día este último de alto tráfico entre Vilagarcía con Vigo e Santiago polo desprazamento de estudantes. A esta situación engádese que ata esa hora un só traballador atendía aos viaxeiros en despacho de billetes, cando habitualmente fano dous.

En contacto co voceiro do sector ferroviario de CGT de Galicia, Juan Francisco Sánchez Losada, este confirma a PontevedraViva que a situación en Vilagarcía vénse repetindo desde o pasado mes de xullo pero que na estación de Pontevedra é nova. "En Pontevedra, en concreto, o que aconteceu este venres é bastante grave porque é unha estación no ámbito de venda de Galiza das máis importantes, das que máis operacións ten por terminal de venda. Agora mesmo está Santiago de Compostela e logo Pontevedra, e o polo tanto afecta a un grande número de trens de longa e media distancia", manifesta o voceiro ferroviario de CGT en Galicia.

Desde o sindicato aconséllase aos viaxeiros que se un despacho de billetes está pechado, suban ao tren e compren o billete ao persoal de a bordo, indicándolles que o despacho de billetes se atopaba pechado e non había persoal que puidese atendelos. Nese caso os interventores non poden multar aos viaxeiros que soben sen billete. O pago pódese realizar en efectivo, a forma máis aconsellada, pero tamén hai posibilidade de realizalo por TPV.

Esta solución de emerxencia, con todo, non resolve todos os casos. "Se tes un bono mensual ou un bono 10 para cancelalo manualmente tampouco tes acceso ás canceladoras", xa que estas atópanse na zona interior do Centro de Viaxes, matiza o traballador ferroviario.

PECHE DO CENTRO DE VIAXES

"Non é que peche só a taquilla, senón que pecha todo o Centro de Viaxes, a zona desde as portas acristaladas para adentro están pechadas. Non só afecta á venda de billetes, que é importante, pero tamén hai moitas incidencias no tren, por exemplo, o caso dun viaxeiro que baixa do tren en Pontevedra e se dá conta de que se deixou o móbil, o ordenador ou a maleta, e nese caso vai á taquilla, fala co taquilleiro que se pon en contacto co revisor, atopan o obxecto perdido e coordinan a devolución. E neste caso [co Centro de Viaxes pechado], acontece eso e non tes a ninguén a quen dirixirte presencialmente na estación", explica Sánchez Losada.

Desde fóra, esta circunstancia de perda de obxectos pode parecer anecdótica, pero o voceiro sindical confírmanos que é unha incidencia moi habitual nos diferentes traxectos ferroviarios. Se o Centro de Viaxes está pechado, habería que chamar a un teléfono de Madrid e a localización e posterior recuperación do obxecto perdido sería moito máis complicada.

PROBLEMAS DE SEGURIDADE

Ás casuísticas persoais, únese un problema maior de saúde pública e de risco de accidente. "O gran problema que pode darse é que xente suba ao tren e que estea completo. Entón, poden darse aforos superiores aos recomendables nun escenario de pandemia como o que estamos, e nuns trens de velocidade alta, os que superan os 160 quilómetros por hora, que teoricamente non pode viaxar ninguén de pé", apunta Sáchez Losada.

Detalla o voceiro sindical que precisamente polas estacións de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa discorren trens de velocidade alta, os chamados media-distancia que van polo Corredor Atlántico unindo Pontevedra-Vilagarcía-Santiago, e os rexionais, que despois de Vilagarcía discorren por Catoira e Pontecesures ata Santiago.

Neste momento, as medidas sanitarias para previr a COVID permiten que os trens vaian ao 100% de ocupación pero "limitado aos asentos que están en venda", que serían 282 prazas en trens de media distancia e 180 en rexionais.

MEDIDAS DE PRESIÓN

Ante esta situación, os sindicatos teñen fixadas reunións ao longo da presente semana con representantes da empresa en Galicia. Sobre a mesa estará o caso das estacións de Pontevedra e Vilagarcía, "e a ver que solución nos dá a empresa porque ten agora aberta unha oferta pública de emprego con 250 prazas de novo ingreso para persoal de venda de billetes no ámbito de todo o Estado, e nós estamos a presionar desde Galicia para que unha parte desas prazas vaian para cubrir as xubilacións de persoal previstas durante este ano e as faltas de persoal que se están dando".

Á espera de como transcorran estes encontros, desde os sindicatos non se descarta convocar un calendario de mobilizacións ou mesmo unha folga a nivel estatal, dado que noutras Comunidades autónomas detectáronse incidencias similares.

RESPOSTA DE RENFE

Trasladamos esta situación á compañía ferroviaria. En resposta a PontevedraViva, fontes de Renfe indican que a situación desta pasada fin de semana "viene motivada por una sucesión de jubilaciones y nuevas incorporaciones entre el personal que realiza la venta presencial, de ahí que, en algunas ocasiones, se pueden producir desajustes en la plantilla que pueden provocar la falta de personal en momentos puntuales". Neste sentido, reiteran que a compañía está a traballar "para que en breve esta situación se vea solventada con nuevas incorporaciones".

Ademais das explicacións, a compañía ferroviaria pide desculpas aos clientes que se viron afectados por esta incidencia, aos que lembra que "en Renfe existen, aparte de las taquillas, otros canales de venta donde poder adquirir los títulos de transporte antes de llegar a la estación: la app Renfe Ticket, la página web renfe.com, las agencias de viajes, las máquinas autoventa (estas en la propia estación) o mediante la venta telefónica en el 91 232 03 20" e que cabe, como último recurso, adquirir o billete a bordo.