O goberno municipal de Cerdedo-Cotobade solicitou á Garda Civil un reforzo na vixilancia nocturna nas inmediacións do colexio de Tenorio, especialmente nas fins de semana, tras producirse actos vandálicos que provocaron "graves danos" nas súas instalacións.
Jorge Cubela apunta directamente a este lugar como a zona na que se están a rexistrar "botellóns ilegais" que acaban xerando estragos no mobiliario urbano da zona e do propio colexio, como a lona recentemente instalada para protexer o alumnado do mal tempo.
Ademais de denunciar ante as autoridades estes feitos, o alcalde solicitou a colaboración veciñal para identificar aos autores deste vandalismo que afecta directamente a investimentos realizados con fondos públicos procedentes do Concello.
"Non estou disposto a deixar pasar unha porque este tema estase pasando de castaño escuro", asegurou Cubela, que censurou o comportamento destes "desaprensivos".
O Concello agarda que cunha maior vixilancia da Garda Civil e coa colaboración veciñal se dea por solucionar un problema "que xurdiu agora pero que xa é preocupante".