Denuncian ante a Policía Local dúas mulleres gravadas en vídeo mentres abandonan un can ás portas da protectora

Pontevedra
09 de xaneiro 2022

Os Palleiros puxo en coñecemento da Policía Local de Pontevedra un novo caso de abandono animal no que ten como proba un vídeo das cámaras de seguridade das instalacións. Temen que o can tivo un final "desastroso", pois o deixaron atado, escapouse e ese día un animal apareceu morto non moi lonxe de alí 

Abandono dun animal na protectora en Campañó Asociacion Os Palleiros

A asociación protectora de animais Os Palleiros puxo en coñecemento da Policía Local de Pontevedra un novo caso de abandono animal no que, nesta ocasión, ten como proba un vídeo das cámaras de seguridade das instalacións da parroquia de Campañó no que se ve todo o proceso. 

A gravación recolle como ás doce e media da madrugada do domingo 2 ao luns 3 de xaneiro dúas mulleres chegan en coche ás inmediacións da protectora, báixanse e deixan un can atado a un peche pegado á protectora.

Aínda que os feitos xa se remontan a hai unha semana, os integrantes da protectora non puideron ver o vídeo ata esta fin de semana. En canto vírono, denunciárono #ante a Policía Local coa esperanza de que poidan localizar ás responsables do abandono.

A presidenta da asociación, Gloria Cubas, lembra que o proceder das persoas que aparecen no vídeo correspóndese cun delito de abandono animal e adianta que tentarán que as autoras sexan castigadas. No caso de que se logre localizar ás autoras, "vamos a ir a por ellas, porque eso no se hace; si no puedes cuidar a un animal, hay amigos, familia, residencias o protectoras que pueden ayudar a difundir".

Nesta ocasión, ademais, temen que o final do can foi "desastroso", pois ese día, tan só seis horas despois do abandono, unha persoa alertounos da presenza dun can morto na estrada de Vilagarcía, non moi lonxe de alí, que se corresponde coas características do animal que se pode ver no vídeo.

A protectora Os Palleiros ten coñecemento dun posible abandono desde a mañá do día 3 de xaneiro porque unha voluntaria chegou á protectora e atopouse unha corda atada á porta e unha lata de galletas chea de auga. Naquel momento, pensou que algún atara alí un can e o animal escapouse.

Ese mesmo día, ás seis e media da madrugada, recibiron o aviso polo can morto e sospeitaron que podía ser o mesmo. As sospeitas son maiores desde esta fin de semana, pois comprobaron que o can que pereceu na estrada tiña as mesmas características que o que se ve no vídeo.