Denuncian agresións por parte de menores conflitivos na Cidade Infantil Príncipe Felipe

Pontevedra
18 de febreiro 2016

Comisiones Obreras indica que a Consellería de Benestar Social está a provocar situacións de indefensión dos menores do centro ante a chegada de outros menores que se atopan baixo control xudicial 

Representantes sindicais de CC.OO. na Cidade Infantil Príncipe Felipe PontevedraViva

Monitores con costelas rotas, profesionais que solicitan baixas debido aos golpes recibidos e enfrontamentos continuos convertéronse na situación diaria na Cidade Infantil Príncipe Felipe. O sindicato Comisións Obreiras denuncia que a Consellería de Benestar Social leva máis dun ano derivando menores conflitivos ao centro aberto do Príncipe Felipe no que se atopan menores que proceden doutro tipo de situacións derivadas dunha problemática familiar.

Segundo denunciaba José Ramón Piñeiro, delegado sindical de CC.OO., prodúcense escenas de desprotección nas que nenos de 9 anos conviven con menores de preto de 17 anos. Piñeiro indica que a Xunta de Galicia está a facer caso omiso aos informes técnicos que desaconsellan a presenza destes menores que, en numerosas ocasións, atópanse baixo control xudicial porque dificultan a convivencia cos outros nenos que se atopan no Centro e cos traballadores que carecen de recursos para facer fronte a situacións conflitivas.

José Ramón Piñeiro afirma que a Cidade Infantil Príncipe Felipe non está prepararada para albergar a este tipo de mozos, que terían que estar en Centros Pechados ou en Unidades terapéuticas.

Desde o sindicato CC.OO. reclaman á presidenta da Deputación, Carmela Silva, que manteña unha reunión co conselleiro de Benestar Social, José Manuel Rey Varela para tratar este tema e solicitan que se abra unha investigación para depurar responsabilidades ante a posibilidade de que poida chegar a producirse unha situación conflitiva grave no centro. Por outra banda, Piñeiro anunciou que van trasladar unha denuncia ao Defensor do Pobo para que interveña e unha reunión co fiscal e o xuíz de Menores. Reclaman medidas preventivas para que non se rexistren situacións de tensión de tipo físico, psíquico e sexual como está a suceder na actualidade. "No puede ser que un trabajador esté pendiente de la sorpresa que se va a llevar", alertou José Ramón Piñeiro.

Na actualidade, segundo o sindicato, hai ao redor de 180 menores na Cidade Infantil, dos que aproximadamente media ducia teñen procedencia xudicial.