Denuncian a presenza de pintadas sobre a imaxe de Castelao na Residencia de Maiores de Campolongo

Pontevedra
30 de agosto 2020

A obra é do artista madrileño Sebastián Camacho, que se formou na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e realizara unha obra para tapar as sinaturas de grafitis no frontal do Centro de Maiores e esta homenaxe ao autor de 'Sempre en Galiza' na parte traseira do edificio. As pintadas cualifican a Castelao como "comunista. Non representas a Galicia"

Obra homenaxe a Castelao, realizada por Sebastián Camacho na parte traseira da Residencia de Maiores de Campolongo, coas pintadas PontevedraViva

OrgulloGalego #100% EnGalego denunciaba na tarde deste sábado a través da rede social Twitter que sabotaran o mural de Castelao, unha obra elaborada na parte traseira da Residencia de Maiores de Campolongo, que pertence á Xunta de Galicia. 

A obra foi danada con dúas pintadas. Unha, con pintura negra indica que "Galicia  non  é vermella" e outra, cun  spray de cor verde sobre a imaxe do escritor de Rianxo e da figura da muller que lle acompaña permite ler en lingua galega: "Castelao comunista. Non representas a Galicia".

Rapidamente, na rede social xeráronse diferentes reaccións. O perfil de OrgulloGalego #100% EnGalego relacionaba esta agresión artística coa extrema dereita e xerábase un debate en Twitter sobre a autoría.

Esta obra forma parte dun traballo elaborado por Sebastián Camacho a principios deste 2020 cando propuxo á dirección do centro eliminar os grafitis, maioritariamente tags (sinaturas), da fachada do edificio residencial para persoas maiores. 

O artista madrileño, formado na Facultade de  Belas Artes de Pontevedra, elaborou un vistoso mural na parte frontal na zona do auditorio da Residencia de Maiores. E na parte traseira realizou unha homenaxe á figura do autor de 'Sempre en Galiza', coas lentes redondas que se adaptan ás xanelas do inmoble, acompañada por unha figura feminina con ollos duplicados.