Denuncian a "morte silenciosa" do servizo sanitario de Drogodependencias do Concello de Pontevedra

Pontevedra
09 de febreiro 2023

O persoal deste servizo asina un comunicado en que responsabilizan o goberno local de Pontevedra e a Xunta de Galicia de non repoñer os profesionais que se xubilan. Indican que nun prazo de tres anos a maioría do persoal que traballa na Unidade Asistencial vai xubilarse e alertan de que, desde xullo de 2022, non hai persoal para atender o teléfono nin realizar funcións de auxiliar adminsitrativo

Unidade Asistencial de Drogodependencias en Valentín García Escudero Mónica Patxot

O persoal da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) do Concello de Pontevedra emitiu un comunicado para reiterar a súa denuncia sobre as "condicións deplorables" nas que se atende a cidadanía desde este servizo que presta asistencia tanto a persoas con adiccións do municipio capitalino como de once concellos limítrofes: Marín, Poio, Barro, Moraña, Campolameiro, Ponte Caldelas, Vilaboa, Forcarei, A Lama, Cerdedo-Cotobade e Soutomaior.

Este servizo sanitario de Drogodependencias creouse a través dun acordo entre o Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia no ano 1992 e que, desde entón, atendeu a máis de 5.000 pacientes e familiares. Como xa denunciaban en xullo de 2022, este departamento está a sufrir unha "morte silenciosa" que, segundo os traballadores, consiste en evitar cubrir as prazas do persoal que se xubila.

Indican que hai seis anos sucedeu co auxiliar administrativo. O traballo que desenvolvía foi suplido entre o resto do persoal á espera dunha nova contratación. Pola contra, o Concello de Pontevedra eliminou esa praza na Relación de Postos de Traballo.

Entre os anos 2021 e 2022 se xubilaron un médico, unha auxiliar de clínica e unha psicóloga. Desta forma, o persoal quedou reducido á metade. O Concello comunicoulles que non repoñerá estas prazas "a expensas da súa contratación pola Xunta de Galicia". 

O persoal denuncia que, desde o mes de xullo de 2022, ninguén atende o teléfon o nin realiza as funcións do auxiliar administrativo. Esta ausencia provoca que as persoas teñan que acudir de maneira presencial ata as oficinas do servizo para solicitar ou cambiar unha cita. Os centros de Atención Primaria ou especializada non poden facer derivacións desde estes espazos sanitarios.

Pero ademais, os cinco profesionais actuais deste servizo indican que, nun prazo máximo de tres anos, a maioría do persoal que traballa nesta Unidade Asistencial se xubilará, facendo "inviable" a continuidade do centro. 

Entenden que o Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia "están no camiño de pechar ou privatizar o Servizo Sanitario de Drogodependencias" e lamentan que o grupo de goberno do Concello de Pontevedra "cando se manifesta en defensa da sanidade pública, esqueza a súa responsabilidade no único centro santiario que coxestiona coa Xunta de Galicia".

O comunicado está asinado pola traballadora social, o médico psiquiatra, a auxiliar de clínnica, o psicólogo clínico e o diplomado de enfermería que traballan nesta unidade.