Denuncian a carencia de pediatras durante o Nadal en Marín, cunha soa profesional para urxencias

Marín
29 de decembro 2023

Lucía Santos insta á cidadanía a unirse á denuncia destas deficiencias presentando reclamacións ao Sergas. Os nacionalistas falan de "situación crítica" e consideran que é consecuencia da "falta de planificación e recursos"  

Centro de Saúde de Marín PontevedraViva

O BNG volve poñer de manifesto as "deficiencias" que afectan aos servizos sanitarios en Marín e sinala que un "exemplo paradigmático" desta situación estase a vivir estes días, coa carencia de pediatras durante as vacacións de Nadal.

Os nacionalistas falan de "situación crítica" e consideran que é consecuencia da "falta de planificación e recursos" por parte do Sergas.

Así, denuncian que hai unha única pediatra para atender urxencias nun momento de elevada demanda sanitaria.

"Este feito resalta a insuficiencia de persoal, un problema persistente que afecta á calidade xeral dos servizos sanitarios", indica Lucía Santos, voceira do BNG, que lembra o momento actual de epidemia estacional de gripe con aumento de infeccións respiratorias e contaxios por COVID e gripe A

A nacionalista lembra que "a precariedade do servizo de pediatría non é unha novidade", xa que o centro de saúde do municipio  opera desde hai tempo con menos pediatras dos necesarios para atender a máis de 3.500 pacientes.

Na súa opinión, esta "lamentable" realidade reflicte "a precariedade coa que o servizo está a levar a cabo a súa labor" como consecuencias das "políticas de recortes e privatización" levadas a cabo polo Partido Popular (PP) no servizo de sanidade pública durante os últimos 14 anos.

Ademais, insiste en que a falta de pediatras é só a punta do iceberg nun sistema de saúde que "opera ao límite". "A escaseza de recursos humanos non é un fenómeno illado, senón unha realidade constante na que os servizos de saúde traballan con persoal insuficiente para atender á poboación", sinala.

Lucía Santos insta á cidadanía a unirse á denuncia destas deficiencias presentando reclamacións ao Sergas.