Denuncian a auga que verte na N-541 a estrada entre Pedre e Serrapio

Cerdedo-Cotobade
16 de xaneiro 2023

O estado da estrada N-541 en Pedre, o punto no que morreron sete persoas a pasada Noiteboa, segue a ser obxecto de debate. Pero, desta volta, hai voces que apuntan a que os problemas que se rexistran na zona derivan dun problema creado pola estrada PO-230

Auga que verte a estrada entre Pedre e Serrapio PSdeG-PSOE de Cerdedo-Cotobade

O estado da estrada N-541 en Pedre, o punto no que morreron sete persoas a pasada Noiteboa, segue a ser obxecto de debate. Pero, desta volta, hai voces que apuntan a que os problemas que se rexistran na zona derivan dun problema creado pola estrada PO-230.

Así o asegura Ana Couto, a voceira do PSdeG-PSOE. Alerta da gran cantidade de auga que verte esta estrada sobre a N-541, xusto antes do punto do accidente do autobús.

Aínda que esta fin de semana as chuvias non foron moi intensas, segundo denuncia a edil socialista a auga que proviña da estrada de Serrapio producía un embolsamento na N-541.

"Este non é un feito illado, é unha realidade coñecida polas persoas usuarias da vía que a diario circulan pola N-541 e se atopan auga en este punto da estrada aínda que faga días que non chove", subliña Couto.

Os socialistas reclaman á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Transportes que solucionen esta situación porque "está a poñer en grave perigo a vida da veciñanza".

A reforma da intersección das dúas estradas consistiu na incorporación de carrís de cambio de velocidade (deceleración e aceleración) e carrís centrais de espera para o xiro á esquerda cara a estrada autonómica.

Posteriormente, a Xunta de Galicia ampliou a estrada PO-230 dende o núcleo de Serrapio ata o punto final no seu entroncamento coa estrada nacional, que incluía a ampliación da calzada e a execución de cunetas de seguridade.

A agrupación socialista entende que a Xunta é a responsable por este embalsamento de auga, pero o Ministerio de Transportes tamén ao tratarse dunha estrada que ten conexión coa nacional, "debendo autorizar e vixiar as incidencias que provocan outras vías na rede de estradas nacionais".