Denunciados dous mozos de madrugada por conducir bébedos o mesmo patinete eléctrico, un deles tamén espido

Pontevedra
30 de agosto 2021

Un mozo de 33 anos conducía o vehículo prestado á unha e media da madrugada totalmente espido e deu positivo de 1,11 na proba de alcoholemia. Foi denunciado e o vehículo inmobilizado, pero fíxose cargo del o dono, de 37 anos. Media hora despois, tamén el foi denunciado por conducir dando positivo de 0,61.

Patrulla da Policía Local de Pontevedra Mónica Patxot

A Policía Local de Pontevedra realizou dúas denuncias a pasada madrugada relacionadas co mesmo patinete eléctrico, unha ao dono do vehículo de mobilidade persoal e outra a unha persoa á que llo prestara.

O primeiro en ser denunciado foi o amigo ao que llo prestara. Sobre a unha e media da madrugada, unha patrulla da Policía Local interceptou na rúa Don Gonzalo un mozo de 33 anos que conducía un patinete totalmente espido e baixo os efectos do alcohol.

Os policías déronlle o alto e sometérono á proba de alcoholemia, na que deu un resultado positivo de 1,11 miligramos de alcohol por litro de aire expirado. Constatado que conducía bébedo, denunciárono pola vía administrativa, cunha sanción que suporá o pago de 1.000 euros.

Ademais, os axentes procederon á inmobilización do patinete. Pouco despois, apareceu en escena o dono do vehículo, que se fixo cargo do mesmo e lle comunicou á policía que o levaría para a súa casa da man. 

Tan só 35 minutos despois, esta persoa que se identificou como dono, e que ten 37 anos, foi denunciado por outra infracción administrativa que tamén suporá o pago de 1.000 euros de sanción.

Sucedeu sobre as 2.05 horas da madrugada, cando a mesma patrulla se atopou con el conducindo pola rúa Benito Corbal. Sometérono tamén á proba de alcoholemia e deu resultado positivo de 0,61.