A Policía Local de Poio denunciou un condutor que foi sorprendido conducindo a velocidade inadecuada mentres consumía drogas.
Segundo a información facilitada pola Policía Local, os axentes déronlle o alto no transcurso dun control preventivo de velocidade na zona de San Salvador.
Este condutor excedeu a velocidade permitida e, ademais, chegou circulando ata o control fumando un porro.
Unha vez que comprobou que tiña na man unha substancia estupefaciente, un policía procedeu a intervir o porro e a realizar un test de saliva para detectar o consumo de drogas, que resultou positivo.
Conducir baixo os efectos das drogas supón unha infracción que conleva unha multa de 1.000 euros e a perda de 6 puntos do carné.
Ademais de multalo por exceso de velocidade, a Policía Local propuxo á Subdelegación do Goberno en Pontevedra unha denuncia por consumir substancias na vía pública.
O vehículo quedou inmobilizado.