Denunciado por conducir un camión de bombonas sen cinto e dar positivo en cocaína

Vilaboa
20 de xuño 2024

Unha patrulla de Tráfico detectouno na estrada N-550 en Vilaboa. O condutor, de 30 anos, foi denunciado por unha infracción moi grave polo positivo en drogas e outra grave por non facer uso do cinto de seguridade, que conleva en total unha sanción de 1.200 euros de multa e a retirada de 10 puntos do permiso 

Camioneiro denunciado Guardia Civil de Pontevedra

A Garda Civil denunciou este mércores 19 de xuño un condutor que levaba un camión cargado de bombonas de butano sen cinto de seguridade e tras consumir drogas.

Segundo a información facilitada pola Garda Civil, unha patrulla do destacamento de Tráfico detectouno na estrada N-550 en Vilaboa. Chamoulles a atención porque ía sen cinto de seguridade, de modo que lle deron o alto. 

Cando lle notificaron esta sanción, decidiron sometelo ao test de consumo de drogas e deu positivo positivo indiciario en cocaína. Ese positivo está pendente de confirmación polo laboratorio, pero xa no momento procedeuse á inmobilización do vehículo, ata a chegada dun condutor alternativo. 

O condutor, de 30 anos, foi denunciado por unha infracción moi grave polo positivo en drogas e outra grave por non facer uso do cinto de seguridade, que conleva en total unha sanción de 1.200 euros de multa (600 euros coa redución do 50%) e a retirada de 10 puntos do permiso de condución.

Á gravidade de conducir con presenza de drogas no organismo, súmase o feito de facelo á fronte dun transporte de mercadorías perigosas, polo grave risco para os demais usuarios da vía, en caso dun accidente de circulación.