Nova denuncia polo uso da UVI móbil do Salnés para traslados ordinarios de pacientes en lugar de atender urxencias

O Salnés
26 de novembro 2024
Actualizado: 13:58

Persoal sanitario indica que este luns a ambulancia medicalizada do Hospital do Salnés realizaba un traslado ordinario entre hospitais mentres se producía unha urxencia vital en Caldas de Reis

Helicóptero e ambulancia do 061 (arquivo) Consellería de Sanidade

O persoal sanitario da UVI móbil do 061 con base no Hospital do Salnés denuncia un novo caso grave de mala xestión dos recursos de emerxencias na comarca.

Este luns 25, arredor das 16:00 horas, a ambulancia medicalizada estaba destinada a realizar un traslado ordinario entre hospitais mentres se producía unha urxencia vital en Caldas de Reis, a tan só oito minutos da base da UVI móbil.

A situación obrigou a activar o helicóptero medicalizado, que se atopa a máis de 25 minutos da zona, para atender a emerxencia en Caldas.

O máis grave, segundo denuncian os sanitarios, é que o Hospital do Salnés conta cunha ambulancia básica específica para realizar os traslados ordinarios, que permaneceu aparcada coa súa dotación en espera.

"O tempo é ouro en emerxencias vitais e non podemos permitirnos o luxo de perder 20 valiosos minutos nunha asistencia. Aí está a diferencia entre a vida ou a morte, entre ter máis ou menos secuelas", advirten os profesionais.

Esta non é unha situación illada. A problemática remóntase a meses atrás, segundo alerta o persoal sanitario, cando a xerencia do SERGAS e o 061 na comarca comezaron a destinar a UVI móbil, incorporada en 2019 para atender urxencias que requiren soporte vital avanzado, a realizar maioritariamente traslados de pacientes non críticos entre hospitais.

O persoal sanitario xa advertira destasituación "desafortunada" o 13 de novembro, coincidindo co falecemento dunha muller nun incendio no Grove que tamén deixou un home ferido de gravidade.

Os profesionais insisten en que esta práctica está a reducir significativamente a dispoñibilidade do vehículo medicalizado para atender emerxencias graves na comarca do Salnés.