Unha denuncia en Cambados permite deter un pedófilo que contactaba con menores a través dun videoxogo

O Salnés
10 de decembro 2024
Actualizado: 20:34

A operación, chamada "Ritual Game", foi dirixida polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Caldas de Reis, que decretou o ingreso en prisión do detido

Operación Ritual Game Garda Civil

A denuncia presentada polos pais dun menor de 12 anos, residente en Cambados, permitiu á Garda Civil deter un veciño da localidade de Gádor (Almería), que contactaba con menores de idade a través dun videoxogo multiplataforma.

A operación, chamada "Ritual Game", foi dirixida polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Caldas de Reis, quen decretou o seu ingreso en prisión.

Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, o equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Cambados, co apoio do Equipo de Investigación tecnolóxica da Comandancia de Pontevedra, iniciou as pesquisas no principio de ano.

Foi por mor desta denuncia na que os pais facían constar que un adulto contactaba co seu fillo e, tras gañarse a súa confianza, solicitáballe vídeos e material de contido sexual, a cambio de comprarlle "skins" e pases de batalla para avanzar no videoxogo. A este intercambio denomináballe o "ritual".

Como resultado da investigación os axentes lograron identificar o autor, un home de 26 anos de idade, veciño de Gádor, e de igual forma identificaron a outros 15 menores, vítimas destes mesmos feitos.

O modus operandi do detido era contactar cos menores, todos eles entre os 10 e os 14 anos, a través do xogo online.

Iniciaba desta forma un primeiro achegamento, establecendo lazos emocionais de amizade, gañándose a súa confianza, para nun primeiro momento solicitar aos mesmos fotografías e vídeochamadas onde puidese verse aos nenos espidos, e posteriormente vídeos de contido sexual.

Nalgúns casos esta persoa chegoulles a regalar un computador ou un iphone, ademais de gañarse a confianza dalgúns pais, finxindo ser un amigo do menor e axudalo coas súas tarefas escolares.

Así mesmo desprazouse a distintas cidades, para coñecer persoalmente os menores, e pasar a noite con algún deles, en hoteis onde se hospedaba.

Rexistro da Garda Civil no domicilio do detido Garda Civil

Os investigadores trasladáronse ao seu domicilio en Almería e procederon á súa detención, incautando distintos terminais electrónicos utilizados na súa actividade delituosa, nos que se prevé localizar máis material e información de interese.

O móbil utilizado polo detido contén centos de imaxes e vídeos de pornografía infantil, protagonizadas por menores de moi curta idade, incluíndo a bebés.