Denuncia do BNG de Marín pola "tala inxustificada" de tuias no Lago de Castiñeiras

Marín
04 de novembro 2024
Actualizado: 17:19

O grupo municipal indica que a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xulián de Marín tomou esta decisión sen achegar informes que xustifiquen problemas fitosanitarios ou risco de caída

Estado do Lago de Castiñeiras tras a tala de tuias BNG Marín

O BNG de Marín expresou a súa "profunda indignación" ante a recente tala indiscriminada de tuias no Lago de Castiñeiras.

Denuncia a portavoz do Grupo Municipal do BNG, Lucía Santos Omil, que "foron cortadas sen explicación aparente" árbores con máis de 60 anos de antigüidade, de gran valor histórico e ambiental e que formaban un conxunto único que incluía algúns dos exemplares máis grandes de Galicia.

Indica que a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xulián de Marín tomou esta decisión sen achegar informes que xustifiquen problemas fitosanitarios ou risco de caída, "deixando en dúbida as razóns desta actuación", manifesta Santos Omil.

A portavoz do BNG en Marín expoñe que esta acción "carece de xustificación e parece responder a intereses privados que ignoran o valor histórico e ambiental destas árbores para a nosa comunidade". 

Lembra que esta tala se une a outras intervencións que, nos últimos anos, teñen deteriorado o valor natural de Castiñeiras. Durante o verán, foron cortados 18 piñeiros, algúns de especies raras en Galicia e de grande valor botánico.

Estado do Lago de Castiñeiras tras a tala de tuiasBNG Marín

Incide en que dende que se trasladou o Centro de Recuperación de Fauna Silvestre a Cotobade, o goberno da Xunta eludiu as responsabilidades de conservación do parque de Castiñeiras, deixándoo en mans das comunidades de montes, que non teñen capacidade para facer as actuacións necesarias para a posta en valor ou, como é o caso, tomar decisións que causan un dano irreparable.

O BNG reclama medidas efectivas que impidan novas agresións deste tipo. Así mesmo, destaca a importancia de declarar o Lago de Castiñeiras como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), unha medida solicitada polas comunidades de montes de Santomé e Vilaboa, que permitiría unha xestión máis axeitada e sustentable a cargo da Xunta de Galicia. 

Ademais, o BNG denuncia a "pasividade do goberno municipal", que non tomou medidas para impulsar esta protección e frear talas como a das tuias e outras intervencións que degradan o patrimonio natural. 

Por último, o BNG esixe que a Comunidade de Montes de San Xulián faga público o informe que supostamente xustifica esta tala, aclarando calquera enfermidade ou risco nos exemplares afectados.