Demetrio Gómez anuncia melloras no último tramo de Pardo de Cela

Pontevedra
26 de outubro 2018

O concelleiro Demetrio Gómez recolleu suxestións dos comerciantes como retirar un xardín ou resolver un problema de pluviais. Propuxo destinar a servizos os estacionamentos da zona

Obras na rúa Virxe do Camiño e José Casal Paula Sanmartín

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, mantivo este xoves un encontro cunha parte dos comerciantes da rúa Pardo de Cela para explicarlles os motivos polos que non se continúa o proxecto de mellora de Virxe do Camiño até o final da rúa e recoller as suxestións que lle fixeron para mellorar este último tramo, así como as expectativas de futuro neste ámbito.

Demetrio Gómez explicoulles que no último tramo da rúa atópase un predio propiedade da sociedade de xestión de activos procedentes da reestruturación bancaria (Sareb) que ten parte do peche e do guindastre en espazo público.

A tramitación ante esta entidade non é rápida e o Concello tiña necesidade de licitar, contratar e rematar a obra neste ano, dado que os fondos que a financian proceden do superávit municipal destinados a obras financieiramente sostibles, xustificables no ano seguinte, é dicir, 2018.

Ante esa situación, acordouse rematar a reforma da rúa nese punto, tendo en conta que o seu entronque estará perfectamente rematado e quedará esteticamente ben.

Paralelamente, o alcalde acordou tramitar ante o Sareb o recuamento do valado e tamén a retirada do guindastre en espazo público, unha tramitación que xa se iniciou.

Mentres se resolve esta situación, o concelleiro recolleu as suxestións dos comerciantes da rúa para realizalas nos vindeiros meses: retirar o xardín que se topa baixo a árbore da rúa e resolver un problema de pluviais dun portal. Ademais, tamén lles propuxo a posibilidade de que a zona de estacionamento pase a ser de servizos, unha solución que quedaron de contestar nos vindeiros días. 

Sobre o futuro da rúa, terá que ir vinculado a un futuro proxecto de reforma da rúa Eduardo Pondal, onde tamén será preciso actuar nas escaleiras de acceso.