"Deixa os teus órganos ao final do camiño para que outras persoas poidan terminar o seu"

Pontevedra
22 de abril 2021

Este próximo domingo celebrarán na Praza do Obradoiro a "saída e peche" da "Pontevedrada 2021" en homenaxe ao espírito solidario que alenta cada ano a celebración deste evento e coincidindo coa data na que se celebrou a undécima edición desta marcha

'Ponti', o corazón da Pontevedrada Mónica Patxot

A Asociación de Amigos da Pontevedrada (ASAMPO) é un colectivo que ten como principal obxectivo o fomento da doazón universal de órganos, sangue e tecidos. A "pontevedrada" é unha marcha solidaria nocturna e ininterrompida de 67 quilómetros polo Camiño Portugués desde a Cidade do Lérez ata Santiago de Compostela.

Desde fai once anos organízase esta actividade, pero a pandemia suspendeu as dúas últimas edicións.

Como alternativa, este próximo domingo celebrarán na Praza do Obradoiro a "saída e peche" da "Pontevedrada 2021" en homenaxe ao espírito solidario que alenta cada ano a celebración deste evento e coincidindo coa data na que se celebrou a undécima edición desta marcha.

A Asociación ASAMPO acudirá a Compostela este 25 de abril co seu fito quilómetro 0 e a mensaxe "Deixa os teus órganos ao final do camiño para que outras persoas poidan terminar o seu".

Entre as 11 horas e ata as 12 do mediodía, daranse os tres bocinazos de saída da marcha solidaria para, seguidamente exercer os tres golpes de báculo na cuncha pétrea do quilómetro 0 cos que se adoita dar por oficialmente terminada cada edición da Pontevedrada no centro da mítica praza compostelá.

Con este orixinal xesto reiterarán á cidadanía a vixencia e importancia da doazón neste tempo de pandemia mundial.