Degustacións de ameixa de Carril durante toda a semana

O Salnés
12 de agosto 2024

Vilagarcía entra esta semana no vórtice festivo das Festas Patronais de San Roque e, a modo de petisco, a axenda despega este domingo coa gran cita gastronómica da Festa da Ameixa do Carril

 

Presentación da Festa da Ameixa de Carril Concello de Vilagarcía de Arousa

Vilagarcía entra esta semana no vórtice festivo das Festas de San Roque e, a modo de petisco, a axenda despega este domingo coa gran cita gastronómica da Festa da Ameixa do Carril.

Será a Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo a encargada de servir as racións de ameixa á mariñeira dende ás 12:00 horas e ata esgotar existencias.

A cita inclúe actuacións musicais e entrega de recoñecementos ás persoas e entidades relacionadas á produción marisqueira de Carril dende distintos eidos.

Desde o Concello indican que debido á ausencia de babosa, este ano cociñarase ameixa da variedade xapónica, cultivada igualmente nas concesións marisqueiras e parques de cultivo de Carril.

Os prezos das consumicións mantéñense como o ano anterior de xeito que a ración de ameixa á mariñeira custará 12 euros con pan e prato conmemorativo incluídos. A botella de albariño tamén se venderá a 12 euros, as cervexas e refrescos a 2 euros e a auga a 1,50.

Os tickets poden adquirirse de forma anticipada na carpa habilitada este sábado na Praza de Galicia de Vilagarcía ou o domingo no Carril, a partir das 11 da mañá, na billeteira habilitada no recinto da festa.

As racións de ameixa comezarán a servirse a mediodía, hora á que tamén se inicirán os actos oficiais coa lectura do pregón a cargo dos Mozos de Arousa e o discurso do alcalde, Alberto Varela.

Sobre as 12:30 horas será a entrega das distincións que a Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo, presidida por Javier Quintáns, concederá ao mariscador Fernando Berride, da asociación BATA e da conserveira Peperetes. Tamén se fará entrega dos premios do I Concurso de Fotografía Ameixa do Carril.

A xornada inclúe as actuacións musicais do gaiteiro carrilexo Cristina Silva e do grupo Pablo Balseiro e Verbenian Orquestra, así como os pasacalles dos grupos tradicionais Brisas do Ulla e Xirifeiros.