Defensa desbloquea a integración na cidade das vivendas militares de Xeneral Rubín

Pontevedra
10 de abril 2018

Dous novos ámbitos urbanos integraranse na cidade de Pontevedra se frutifican, esta vez, os plans do ministerio de Defensa. Trátase das vivendas militares de Xeneral Rubín e da contorna do colexio Salvador Moreno

Parque de vivendas militares na rúa Xeneral Rubín Google Street View

Dous novos ámbitos urbanos integraranse na cidade de Pontevedra se frutifican, esta vez, os plans do ministerio de Defensa. Trátase das vivendas militares de Xeneral Rubín e da contorna do colexio Salvador Moreno. 

O Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (Invied) dirixiuse ao Concello de Pontevedra para desbloquear un convenio cuxa tramitación comezou no ano 2008 e que quedou en suspenso hai uns anos por cambios no organismo gobernamental.

A edil de Urbanismo, Anabel Gulías, explicou que a tramitación desta iniciativa, que inclúe a modificación puntual do plan en vigor, deberá iniciarse desde o principio, debido aos cambios lexislativos que se aprobaron nos últimos anos a este respecto.

Este trámite permitirá, por unha banda, que se abra a posibilidade de que os actuais inquilinos destas vivendas militares poidan comprar estas propiedades.

A cambio, abrirase á cidade este espazo, ata agora de uso militar e que conta cun peche para aparcadoiro dos residentes na zona, como un viario para uso público. Ademais, farase unha reforma integral de toda a zona e crearanse novas prazas públicas.

Os 750.000 euros que custará esta reurbanización asumiraos o propio Invied que, ademais, cederá ao Concello dous locais -duns 340 metros cadrados en total- na esquina de Xeneral Rubín con Fernández Ladreda para que habilite neles un centro social.

Os técnicos do Invied xa se reuniron cos do Concello para avanzar na tramitación deste convenio e desde o goberno municipal aseguran que tentarán axilizar este proxecto ante o interese que ten para a cidade.

Anabel Gulías explicou que a integración destas dúas zonas na malla da cidade será " moi positiva" para todo este barrio. Unha vez acondicionado todo este ámbito, deixará de depender do ministerio e quedará baixo a tutela do Concello.