Defensa da ría de Pontevedra pide a nulidade da prórroga de ENCE nun recurso de alzada ante Medio Ambiente

Pontevedra
03 de marzo 2016

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) presentará un recurso de alzada contra a resolución do Ministerio de Medio Ambiente na que denega a condición de parte interesada ao colectivo ecoloxista no procedemento administrativo de prórroga extraordinaria á empresa Ence

Vicente García Legísima e Antón Masa PontevedraViva

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) presentará un recurso de alzada contra a resolución do Ministerio de Medio Ambiente na que denega a condición de parte interesada ao colectivo ecoloxista no procedemento administrativo de prórroga extraordinaria á empresa Ence.

Unha decisión que valoran como "arbitraria e carente de toda xustificación".

Nunha rolda de prensa celebrada este xoves, o presidente da APDR, Antón Masa e o avogado, Vicente García Legísima, explicaron que motivaron esta alegación en que a resolución do ministerio "carece de motivación suficiente" e "limita os dereitos subxectivos e intereses lexítimos" desta asociación.

En consecuencia, Defensa da Ría pide que se declare a "nulidade da resolución" e en consecuencia de todas as actuacións no procedemento de prórroga da concesión que outorgou o Goberno central á pasteira durante 60 anos para que siga en Lourizán.

Antón Masa considera que o recurso de alzada debería ser admitido para emendar o "grave erro", declarando a nulidade de todo o actuado e recoñecerlle á APDR a condición de interesada no procedemento concedéndolle o trámite de audiencia.

Con todo, o avogado Vicente García Legísima, confesa que "non temos fe ningunha no recurso este" xa que entenden nos membros da APDR que o Goberno neste proceso "non actuou con arranxo a dereito senón utilizando o dereito en beneficio duns intereses privados".

RECURSO ANTE LA AUDIENCIA NACIONAL

Por este motivo, de maneira paralela Defensa da Ría presentará antes de que se esgote o prazo de dous meses, o próximo 20 de marzo, un recurso ante a Sala do contencioso administrativo da Audiencia Nacional contra a prórroga a Ence que foi autorizada polo Goberno en funcións o pasado 20 de xaneiro, segundo se recolle na resolución asinada pola Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar, e por delegación da propia ministra de Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina.

Unha vez máis insisten desde a APDR en que a concesión á empresa Ence "ten unha incidencia no medio ambiente" durante un período de 60 anos, polo que entenden que "supón a hipoteca do futuro da Ría para varias xeracións e anula as posibilidades de recuperación da mesma".

Finalmente, reiteran o seu "máis profundo rexeitamento" á decisión do Goberno en funcións.

Arquivado en