Defensa da Ría cre que a mesa negociadora polo traslado de ENCE chega "tarde, mal e a rastro"

Pontevedra
25 de setembro 2018

Antón Masa e Benito Andrade, representantes da Asociación pola Defensa da Ría, compareceron este martes en rolda de prensa para explicar detalles da recente reunión mantida en Madrid con representantes do Goberno Central

Antón Masa e Benito Andrade na sede da APDR PontevedraViva

O anuncio realizado hai uns días polo Partido Socialista asegurando que o Estado estaría disposto a abrir unha vía negociadora para o traslado de Ence da ría de Pontevedra chega "tarde, mal e rastro", segundo a Asociación pola Defensa da Ría (APDR).

Antón Masa e Benito Andrade, representantes de APDR, compareceron este martes ante os medios de comunicación para valorar a recente reunión mantida en Madrid con representantes do Goberno central, e aseguraron que a esta proposta de crear unha mesa de negociación "nós vémoslle pouco futuro", explicou Masa. O presidente do colectivo entende que "por que Ence vai sentar nunha mesa se lle deron xa 60 anos de concesión?".

En canto ao encontro con membros do Goberno, en concreto co departamento de asuntos económicos de Presidencia e coa directora xeral de sustentabilidade da costa e o mar do Ministerio de Transición Ecolóxica, o presidente de Defensa da Ría asegura que ambas as dúas partes están de acordo en que "houbo irregularidades" na prórroga da concesión á pasteira.

En todo caso, desde Moncloa defenden a idea de esperar ao resultado dos recursos xudiciais interpostos ante a Audiencia Nacional xa que "din que actuar pola vía administrativa ata entón sería prevaricar", explicou Masa.

O peche de Elnosa, á espera de que se resolva o expediente pola caducidade da súa concesión, ou o Plan de Saneamento da Ría foron outros dos asuntos tratados na comparecencia da APDR.

Arquivado en