Decretado o ingreso en prisión do home acusado de apuñalar un veciño de Marín nun garaxe

Marín
09 de novembro 2024
Actualizado: 21:41

O home, de 44 anos, está acusado de ser o presunto autor de varias puñaladas a un veciño de Marín no interior dun garaxe de Jaime Janer

Centro Penitenciario de A Lama Mónica Patxot

A xuíza do Xulgado de Instrución número 1 de Marín decretou este sábado, 9 de novembro, o ingreso en prisión do home detido pola agresión con varias puñaladas a un veciño en Marín, acontecida o pasado xoves, 7 de novembro.

O incidente tivo lugar no garaxe dun edificio da rúa Jaime Janer, arredor das 15:15 horas, cando o suposto agresor asestou arredor de dez puñaladas á súa vítima, un home de 52 anos.

A vítima, que foi inicialmente atendida no centro de saúde de Marín, foi posteriormente trasladada ao Hospital Montecelo, onde se atopa "fóra de perigo" segundo fontes policiais.

Diversas fontes indicaban que se producira unha discusión entre os dous homes antes do ataque.

Tras o apuñalamento, o agresor, de 44 anos, fuxiu do lugar nun coche, sendo localizado e detido máis tarde na casa dun familiar no rural de Marín.

A detención foi posible grazas a un dispositivo conxunto das policías Local e Nacional. Foron finalmente axentes municipais os que localizaban ao agresor.

O home foi trasladado inicialmente á Comisaría de Marín e posteriormente ás dependencias da Comisaría Provincial, onde permaneceu até ser posto a disposición xudicial.

A Policía Nacional continúa a procura da arma branca utilizada no ataque, un coitelo que aínda non foi localizado.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia informaba este sábado desta decisión do Xulgado de decretar prisión provisional, comunicada e sen fianza.

O detido está investigado como presunto autor dun delito de intento de homicidio.