A decoración de Nadal chega con premio e materiais reciclados e naturais a Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade
19 de novembro 2024
Actualizado: 17:55

O Concello destina 1.200 euros a un novo concurso para a veciñanza e para axudar a dinamizar o comercio local. O prazo para concursar estará aberto desde o 30 de novembro ata o 9 de decembro

Adornos de Nadal Isaiah Headen

O Concello de Cerdedo-Cotobade pon en marcha un concurso de decoración de Nadal dirixido á locais e vivendas

O certame estará dotado con tres premios por cada unha das dúas categorías, que suman en total 1.200 euros.

A decoración deberá ter relación co Nadal e os motivos tradicionais coa mesma. Os materiais empregados deberán ser reciclados e naturais, sempre que non prexudiquen ou danen ao medio ambiente. Queda prohibido o emprego de materiais perigosos como velas, fachos ou pirotecnia.

Unha vez rematada a decoración, os interesados deberán realizar una fotografía da mesma e enviala, xunto ao documento de inscrición e os datos persoais do participante, a través do correo omix@cerdedo-cotobade.gal co asunto 'Concurso Decoración de Nadal'.

O prazo de presentación vai desde o 30 de novembro ata o 9 de decembro e os gañadores coñeceranse o 15 de decembro.

Para poder optar aos premios, a decoración deberá permanecer instalada dende o día da solicitude ata o 7 de xaneiro de 2025.

O concurso, que leva o título xenérico de 'Cerdedo-Cotobade é Nadal', pretende promover a participación da veciñanza á hora de crear un ambiente festivo e tamén dinamizar ao comercio local polo Nadal.

A categoría de vivendas está destinada a toda a poboación maior de idade que reside en Cerdedo-Cotobade que realice a decoración no exterior da súa vivenda. Establécese un primeiro premio para o gañador de 200 euros; 150 euros para o segundo; e 100 para o terceiro clasificado.
 
A segunda categoría, de carácter colectivo, está destinada a asociacións, comunidades de montes e ao comercio local.

Consiste na decoración de escaparates, balcóns, xanelas, portas exteriores ou fachadas. O gañador recibirá 300 euros; o segundo clasificado, 250 euros; e o terceiro, 200 euros.