Declara na Audiencia que os 1,3 millóns de euros atopados na súa vivenda proceden da herdanza da avoa e das criptomoedas

Pontevedra
06 de outubro 2022

Este xoves comezaba na sección cuarta da Audiencia Provincial o xuízo contra dous vilagarciáns e dous marinenses, imputados por un delito de tráfico de drogas despois de que axentes da Policía Nacional e da Garda Civil confiscaran dous quilos de cocaína cun valor no mercado ilegal de 222.784 euros. Un dos acusados declarouse culpable mentres que os outros tres manteñen a súa inocencia no inicio da vista oral

Os catro acusados na operación en que se confiscaron dous quilos de cocaína PontevedraViva

Emocionado, un dos acusados de Vilagarcía de Arousa, declaraba no xuízo que se iniciaba este xoves na sección cuarta da Audiencia de Pontevedra que a súa avoa deixáralle 150.000 euros como herdanza e que o seu investimento de 75.000 euros en criptomoedas permitiu que obtivese 1,3 millóns de euros, que os axentes policiais atopáronse no rexistro que realizaron na súa casa, repartidos en feixes de billetes en efectivo na mesa do salón e tamén nun baúl do faiado, con motivo da investigación conxunta da Policía Nacional e da Garda Civil denominada 'Operación Vieira - Arena Negra'. Nesta operación foron detidas catro persoas que sentaron no banco da Audiencia como presuntos autores dun delito contra a saúde pública.

Naquel rexistro no domicilio de Ravella tamén se atopou unha tarxeta plastificada con código de claves, cadernos e axendas con anotacións; unha máquina de contar diñeiro; e unha envasadora ao baleiro con papel de envase. Segundo o acusado, a tarxeta con códigos non lle pertence e explicou que a gardaba porque durante o ano 2021, cando se produciron os feitos que se xulgan, tiña problemas de "abuso de drogas e facía festas na súa casa" e aparecían ese tipo de obxectos que gardaba por se despois alguén os reclamaba. Negou que a máquina envasadora fose para plastificar estupefacientes para a súa posterior venda alegando que ese instrumento dera negativo no test de drogas realizado polas forzas policiais.

O acusado, que conta con antecedentes como autor dun delito contra a saúde pública polo que permaneceu en prisión máis dun ano, asegurou que cando se produciu a súa detención pensou que se trataba dun "secuestro" pola actitude dos axentes e negou calquera relación cos feitos que se lle imputan, vencellados coa entrega dun alixo de cocaína para transportala nun Audi A5, preparado con dous espazos con apertura eléctrica onde se escondía a droga, a Avilés en xullo de 2021. Nesa xornada, a Policía Nacional interceptaba o coche cos estupefacientes nun aparcadoiro e a tres dos acusados cando presuntamente transportaban os dous quilos de cocaína, que no mercado ilegal alcanzaría os 222.784 euros.

Dos outros tres acusados, un de Vilagarcía e dous marinenses, só J.S. declarábase culpable dos feitos ante o tribunal durante a vista oral. No seu caso, este veciño de Marín aseguraba descoñecer ao acusado posuidor dos 1,3 millóns de euros e afirmaba que nunca estivera en Vilagarcía durante os días en que os axentes policiais indican que se realizou a transacción da droga para trasladala a Asturias.

Recoñeceu que acordara con outro dos imputados que conducira o coche porque meses antes perdera todos os puntos e tamén que quedara coa outra acusada, que naquel momento era a súa parella, en verse en Asturias para pasar uns días alí cuns amigos. Precisamente, ela na súa declaración explicaba que se trasladou pola súa conta a Avilés e nunca se imaxinou que a súa parella se puidera dedicar ao transporte de cocaína: "Dicíame que tiña que facer reparacións. Foi unha sorpresa. Derrubóuseme a vida", afirmou ante o tribunal. O outro acusado admitía que trasladara a J.S. a Asturias a cambio de 20 gramos de cocaína, pero que se quedou nun bar mentres estaba prevista a entrega da droga.

O fiscal antidroga pide condenas de nove anos de prisión para o acusado ao que se lle confiscaron os 1,3 millóns, ao contar con antecedentes por narcotráfico. Ao outro vilagarcián, que exerceu de condutor no traslado da cocaína, solicítalle seis anos e medio; mentres que a muller enfróntase a seis anos e tres meses e J.S., único que recoñeceu os feitos ilícitos, a sete anos. O xuízo continuará o vindeiro martes 11 de outubro.