Decenas de 'skaters' participan en Mollabao no Playground Jam Support

Pontevedra
11 de xuño 2022

O Playground Jam Support desembarcou este sábado 11 de xuño en Pontevedra co fin de dar "visibilidade ao skate e amosar o apoio ao noso comercio de proximidade"

Playground Jam Support en Mollabao Cristina Saiz

O Playground Jam Support desembarcou este sábado 11 de xuño en Pontevedra co fin de dar "visibilidade ao skate e amosar o apoio ao noso comercio de proximidade".

Así o explicou a Concellería de Deportes que, en colaboración coa firma Playground Store (rúa San Román), trouxo ao skatepark de Mollabao a decenas de skaters de toda Galicia que pudieron desfrutar dun día lúdico con música e bebida.

A actividade foi estilo jam, aberta a patinadores e público desde 0 a 99 anos onde DJ's e speakers amenizaron a xornada. Tamén instalaron dous módulos de skateboarding para que os participantes teñan ocasión de gozalos e realizar os seus mellores trucos.

Esta concentración, segundo explicou o responsable de Playground Store, Jose Malaguita, "está vinculada á venda dunhas zapatillas, cuxos ingresos queremos reinvestir nesta acción de apoio ao colectivo skater e ao comercio local".

"Trátase dun exemplo de economía circular e de como o comercio de proximidade pode xerar escena e impacto real na sociedade", apuntou.

Para este Playground Jam Support, enmarcado no programa municipal A Vida é Movernos, incorporaron ao skatepark de Mollabao un quarter (para lanzarse, chegar ben aos módulos e facer trucos) e un caixón versátil para realizar trucos entrando por varios dos seus lados (con outro caixón para os máis inexpertos).

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, afirmou que esta xornada skater "supón un xeito de escenificar o noso respaldo a este deporte e aos moitos practicantes que ten en Pontevedra, de poñer en valor o labor do comercio local e de ofrecer unha proposta alternativa de lecer para tódalas idades".