A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia decretou este luns o nivel 2 de alerta nos incendios activos desde primeira hora da tarde na parroquia de Tenorio, en Cotobade, e no Monte Xiabre, entre os municipios de Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa, pero afectando á parroquia caldense de Saiar. Trátase dunha medida preventiva que se declara pola proximidade do lume ás vivendas. De feito, hai varias ducias de casas desaloxadas pola Garda Civil en ambos os dous lugares e ás 23.30 horas deste luns 8 xa arderan máis de 400 hectáreas, 200 en cada un.
No caso do incendio de Tenorio, esta situación operativa de emerxencia declárase por proximidade do lume ao lugar de Vilanova e as Forzas de Seguridade procederon ao desaloxo de varias vivendas tanto en Vilanova como no lugar de Almofrei. No caso de Vilanova a Garda Civil pediu aos vecinos que desaloxara unhas 80 casas e, coa súa colaboración, 200 personas marcharon fóra dos seus fogares.
No Monte Xiabre decretouse o nivel 2 por estar cerca do lugar de Castroagudín, en Vilagarcía, onde, de feito, se tivo que desaloxar a varias decenas de veciños. Tamén se aproxima este último con perigosidade ao polígono industrial do Pousadoiro, onde poderían estar risco varias empresas
O lume de Tenorio iniciouse ás 17.20 horas e ás 23.30 horas permanecía activo e cunha densa nube de fume que se ve desde distintas parroquias do rural e tamén desde a cidade de Pontevedra. As Forzas de Seguridade e integrantes do operativo de loita contra o lume impiden aos condutores achegar ao núcleo de Vilanova ante a perigosidade da proximidade das lapas, situacións de perigo que se confirmaron pola necesidade de que os veciños levaran máscaras para cubrir as vías respiratorias.
A superficie afectada supera as 200 hectáreas, según as estimacións feitas ás 23.30 horas por Medio Rural, pero o forte vento que hai na zona apunta a que será difícil controlar as lapas e a extensión final pode ser moi superior. No seu control traballan dous axentes, 10 brigadas, catro motobombas, duas pas e nove helicópteros, si ben os medios aéreos tiveron que retirarse ao chegar a noite. Tamén colaboran efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) e da Garda Civil.
O lume do Monte Xiabre iniciouse ás 15:51 horas e ás 23.30 horas permanecía activo despois de queimar, segundo as primeiras estimacións provisionais, unha superficie superior á 20 hectáreas. No seu control traballan medios aéreos e terrestres, entre eles, un técnico, cinco axentes, 14 brigadas, seis motobombas, dúas pás, un tractor, 10 helicópteros e dous avións, se ben os medios aéreos tiveron que retirarse ao chegar a noite, complicando as tarefas de extinción.
A zona afectada é unha superficia arborizada situada na subida ao Monte Xiabre desde Caldas e Vilagarcia. A densa nube de fume é visible desde distintos puntos do centro urbano de Caldas de Reis e tamén de Vilagarcía de Arousa e as lapas achéganse de forma perigosa ás viendas de Vilagarcía, en concreto, de Castroagudín.
O operativo de extinción despregado pola Xunta de Galicia inclúe tamén á agrupación de voluntarios de Protección Civil de Caldas e o servizo municipal de emerxencias de Vilagarcía. E está desprazada a Brigada de Reforzo de Incendios Forestais de Laza, en Ourense.
Ata as zonas afectadas polos dous lumes achegáronse ao longo da tarde os conselleiros de Medio Rural e Presidencia, Ángeles Vázquez e Alfonso Rueda. Fontes próximas aseguraron que os responsables dos servizos de investigación e extinción lles trasladaron que en Tenorio houbo ata sete focos simultáneos, de modo que todo apunta a que se trata de lumes provocados.
FALTA DE MEDIOS NO SALNÉS
Na comarca do Salnés están a arder na tarde deste luns, ademais de no Monte Xiabre, nos municipios de Cambados e Meis. A existencia de tantos lumes simultáneos motivou escaseza de medios de extinción e desde Emerxencias de Sanxenxo tiveron que desprazar unha bomba forestal e un dotación ao lume de Cambados. Segundo explican, mobilizounos a Xunta "por non haber medios próximos dispoñibles".
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter @incendios085.