Decembro castiga sen luz a ponte da Illa de Arousa

O Salnés
23 de decembro 2022

O Concello da Illa reclama á Xunta de Galicia a inmediata iluminación desta infraestrutura xa que o "apagón lumínico" pon en perigo a seguridade da conducción no único acceso ao municipio

Luis López, delegado territorial da Xunta, conversa con Carlos Iglesias, alcalde da Illa de Arousa, na ponte Xunta de Galicia - Arquivo

O goberno local da Illa de Arousa mostra o seu enfado porque desde hai máis de dez días a ponte da Illa de Arousa sofre un "apagón lumínico". Por este motivo, desde o Concello reclaman á Xunta de Galicia a inmediata iluminación do viaduto.

Sinalan que a situación actual provoca un perigo na seguridade da condución a través do único acceso que existe ao municipio arousán. Lembran a Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas, que esta ponte é empregada diariamente por miles de vehículos, incrementándose o número nestas festas do Nadal.

O goberno local asegura que a falta de luz obriga a circular ás escuras durante un tramo de varios quilómetros, situación que se agrava durante os últimos días en que se rexistran forte ventos e choivas en xornadas con escasa luz natural.

Carlos Iglesias, alcalde da Illa, responsabiliza directamente da situación á Xunta de Galicia e, en concreto, ao presidente autonómico Alfonso Rueda e á conselleira Ethel Vázquez, ao entender que deben encargarse do mantemento desta infraestrutura de titularidade autonómica.

Acusa o Partido Popular de "caer recurrentemente en incumprimentos cando se trata do mantemento de servizos e infraestruturas na Illa de Arousa".

O rexedor sitúa este apagamento nun "episodio máis na cadea de discriminacións institucionais á que a Xunta condena á cidadanía arousá, con deixamento no mantemento non só das infraestruturas viarias, senón tamén das portuarias e das sanitarias".

Por este motivo, Iglesias esixe tamén este cesamento de discriminación cara á Illa.