A corporación municipal de Barro aprobou este mércores o orzamento para o ano 2025, que ascende a 3.246.500 euros, cun aumento de máis de 305.000 euros a respecto do exercicio anterior.
Este incremento explícase, segundo o goberno local, pola finalización da bonificación do 95% no IBI da AP-9, o que elevou a recadación municipal.
O documento foi aprobado en sesión plenaria celebrada durante o mércores 27 de novembro.
Son os décimos orzamentos presentados polo alcalde nacionalista Xosé Manuel Fernández Abraldes, quen destacou que, por décimo ano consecutivo, o executivo local conxela as taxas e impostos.
O rexedor valorou as contas como "moi positivas" e sinalou que "reflicten a boa xestión destes dez anos, permitindo mellorar os servizos municipais sen subir impostos".
As contas do próximo ano inclúen unha notable subida nas partidas destinadas a política social e mantemento, así como a creación dunha nova praza de operario/a de servizos múltiples para reforzar a brigada de mantemento.
No pleno tamén tomaron posesión como edís Adrián Silva Magdalena e Andrea Pérez Cal, en substitución de Roberto Rivas e Amelia Cancela.
Ademais, a corporación aprobou por unanimidade o Plan de Igualdade do persoal funcionario e o Plan de Igualdade de oportunidades entre homes e mulleres de Barro.