Despois de que en 2020 se suspendese a tradicional pasarela de Debut, este ano recupérase o desfile presencial onde os novos estudantes titulados de Esdemgapresentan as coleccións que configuran os seus proxectos de fin de estudos.
A cita está programada para o xoves 18 de novembro no Pazo da Cultura, segundo informa o DUVI. Durante estas semanas previas, desde Esdemga ábrese o proceso de selección para todas aquelas persoas que queiran colaborar no evento participando como modelos.
Lola Dopico, directora de Esdemga, mostra a súa satisfacción pola recuperación do desfile que é "como un acto de gradación" e unha oportunidade de presentar tanto os traballos finais do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda que se defenderon estas semanas como unha selección de máis de 30 proxectos presentados desde a última edición de Debut en 2019 e o mes de setembro deste ano.
Serán necesarios ao redor de 60 modelos. No cásting previsto tomaranse medidas e abrirase unha ficha para un posterior proceso de selección. As persoas interesadas en participar no proceso poden acudir ao despacho de Esdemga na Facultade de Belas Artes este venres de 11.00 a 13.30 e de 15.00 a 17.30 horas ou enviar un correo a info.esdemga@uvigo.es.
Dopico lembra que son necesarios de diferentes idades e perfís físicos e, segundo as características dos traballos deste ano, precisarase un maior número de grupos de modelos masculinos. A colaboración é amateur, lembra a directora de Esdemga e anima á colaboración da mocidade de Pontevedra como xa sucedeu outros anos.
As persoas que participen como modelos someteranse a unha proba de antíxenos durante a xornada do desfile e está previsto que se reduza a capacidade de público respecto a outros anos cun novo sistema de control de acceso. Durante as xornadas previas programaranse diferentes actividades formativas e conferencias.