Deberá ingresar en prisión por conducir sen carné porque non pagou unha multa que el mesmo aceptou no xulgado

Pontevedra
21 de febreiro 2024

O Xulgado do Penal condenou o acusado ao pago dunha multa, pero el non a pagou, de modo que ordenou o seu ingreso en prisión. O condutor recorreu pedindo fraccionar os pagos ou cumprir traballos en beneficio da comunidade, pero a Audiencia rexéitao e debe ir á cárcere catro meses. A sentenza é firme

Audiencia Provincial de Pontevedra Mónica Patxot

A Audiencia Provincial de Pontevedra ordenou o ingreso en prisión dun pontevedrés condenado por un delito contra a seguridade viaria por conducir sen permiso. 

O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra condenou o acusado ao pago dunha multa, pero el non a pagou, de modo que ordenou o seu ingreso en prisión. O condutor recorreu ante a Audiencia Provincial, pero a sección segunda desestima o recurso e dita unha sentenza que xa é firme, de modo que agora deberá cumprir os catro meses de cárcere.

O acusado pedía que se deixase sen efecto a orde de ingreso en prisión alegando a falta de notificación persoal do auto no que se acorda o fraccionamento dos pagos ou que se substitúa a pena de prisión pola de traballos en beneficio da comunidade, pero o fiscal opúxose e a Audiencia tamén.

Así, aínda que o acusado sostén que non lle notificaron en persoa un auto polo que lle fraccionaban o pago, pero o tribunal lémbralle que o xulgado tentou notificalo e deixáronlle a notificación no seu domicilio

"Que o penado fixese caso omiso á citación cando foi el, persoalmente, quen interesou o fraccionamento é algo que non pode reverter nunha prolongación da Executoria que non está xustificada", sostén a Audiencia.

O tribunal nega a "indefensión" que e acusado asegura que lle provocan, pois el mesmo aceptou unha sentenza condenatoria coa súa conformidade e aceptou o pago dunha multa e que, en caso de falta de pagamento, iría a prisión.

O acusado pide agora que lle cambien o ingreso en prisión polo cumprimento de traballos en beneficio da comunidade e a sentenza inicial recollía esa posibilidade, pero o tribunal lémbralle que debía prestar "consentimento expreso e persoal " e non o fixo.