'De muller a muller', un faladoiro feminista en recordo de Jessica, asasinada hai un ano en Barro

Barro
21 de marzo 2023

O vindeiro venres 24 de marzo, o centro cívico San Antoniño de Barro acollerá a primeira edición do faladoiro feminista 'De muller a muller', organizada polo Colectivo Feminista de Pontevedra como unha forma de achegarse a poboacións próximas nas que actualmente non hai ningún colectivo feminista activo

Faladoiro feminista en Barro Colectivo Feminista de Pontevedra

O vindeiro venres 24 de marzo, o centro cívico San Antoniño de Barro acollerá a primeira edición do faladoiro feminista 'De muller a muller', que nesta ocasión xorde para lembrar a Jessica Méndez, a moza veciña de Portas -aínda que con raíces en Pontevedra e Barro- asasinada hai un ano en Porráns. 

A cita, prevista para as 19.30 horas, está organizada polo Colectivo Feminista de Pontevedra e forma parte dunha serie de iniciativas promovidas por este colectivo en diversos municipios dos arredores da cidade.

Desde o Colectivo Feminista de Pontevedra explican que estes faladoiros feministas comezaron hai uns meses no Concello de Meis como unha forma de achegarse a poboacións próximas nas que actualmente non hai ningún colectivo feminista activo.

O obxectivo é poder crear un pequeno espazo de seguridade no que a mulleres poidan expresarse e, nesta ocasión, aproveitan para organizalo en Barro para poder contactar coas veciñas desta localidade e abordar con elas o impacto que ten a violencia machista na vida das mulleres desta localidade. 

A cita está aberta a todas as mulleres que desexan acudir, independentemente de que residan ou non en Barro.