Ángel Cuñarro puxo en marcha hai uns meses unha iniciativa solidaria no seu negocio, a librería Erebor Cómics. Pedía á clientela que doase libros de segunda man e toda a recadación da súa venda iría destinada ao Banco de Alimentos de Sanxenxo. Esa campaña segue en marcha e a súa intención é mantela, pero agora coincide no tempo con outra que o que busca é axudalo a el. Pasou de axudar aos demais a precisar que alguén lle bote unha man a el para poder pagar as facturas.
Este negocio da rúa Poeta Uxío Novoneyra de Pontevedra vai ben, pero "non todo o necesario" para axudarlle a afrontar o crédito de 25.000 euros que tivo que solicitar para abrir a librería e, desde logo, non o suficiente para afrontar os seus gastos mensuais. Xa despesperado, decidiu dar un paso valente e poñer en marcha un crowdfunding.
Esta recadación de fondos, que impulsa a través da plataforma Gofundme, márcase como reto sumar 10.000 euros. A cifra é orientadora "porque había que poñer unha cantidade", pero non significa que sexa o diñeiro que precisa, senón que todo o que chegue será benvido e axudaralle a chegar a final de mes.
"Eu de aquí agora mesmo, realmente, non saco nada. Realmente, perdo diñeiro", lamenta, pois "son moitos gastos e non se chega a todo". Entre o alugueiro da súa vivenda e da librería, paga cada mes 1.500 euros e, se lle suma o resto de facturas como luz, auga ou o pago a provedores, "os gastos xa se van a máis de 2.000". E todo sen contar outro tipo de gastos ordinarios. "Pagar 3,20 euros dun paquete de ovos, por exemplo, faime suar", relata.
Na librería hai compras e "non vai mal no tema de vender, pero non chegas a esas cantidade". Dado que "xa levamos uns meses así" e "ultimamente xa se foi complicando máis a cousa", decidiu iniciar esta campaña para "ter un pouco de marxe de poder pagar as facturas".
"Pagar 3,20 euros dun paquete de ovos, por exemplo, faime suar"
Así, os alugueiros acaba pagándoos a final de mes en lugar da principios e "vas arrastrando débedas de meses anteriores, de pedidos que non podes pagar, entón, telos que pagar nos meses seguintes". Iso lévalle a que as empresas distribuidoras non lle entregan material ata que paga pedidos previos porque "non teñen seguridade de que lles vaias a pagar".
A campaña de recadación explica esta situación e el mesmo recoñece nela ese paradoxo de que o que axudaba agora queira axudar. "Se me coñeces quizais vos sorprenderá ler isto, xa que eu mesmo estiven recadando para persoas sen recursos e tentado axudar. Se non me coñeces chámome Ángel, teño 35 anos e deixei o meu traballo de veterinario para cumprir o meu soño de abrir unha librería", relata.
"A miña realidade é que Erebor Cómics naceu dun soño e dun esforzo que non se aprecia no día a día"
Nesa carta enviada a posibles doantes expón de forma clara a súa complicada situación actual. "A miña realidade é que Erebor Cómics naceu dun soño e dun esforzo que non se aprecia no día a día" e que non só perdeu o investimento inicial para abrir a tenda, senón que "a débeda aumenta co paso dos meses".
Atópase agora na tesitura de que "se o pecho, deberei miles de euros que non podo pagar", pero "se sigo con el aberto para tentar pagar todo, quizais me endebede máis…". Por iso, chegados a este punto, pide axuda publicamente "quizais para volver vivir e non afogarme máis".
Mentres el mesmo está nesta situación, segue querendo axudar aos demais. A súa iniciativa de libros solidarios recadou máis de 100 euros e segue ocupando un andel do seu local. "Nunca pensei en paralo" e segue recibindo doazóns do libros case a diario, aínda que agora optou parar parar a recollida de libros de texto, pois xa ten moitos e non teñen saída. O resto seguirá aí, pois é consciente de que hai moita xente que necesita axuda para chegar a final de mes.