De Elvira Lodeiro á loita contra a AP-9: un repaso web pola memoria das mulleres de Salcedo

Pontevedra
04 de marzo 2019

Todos estes temas forman parte dos contidos da web do proxecto Do Gris ao Violeta, afectan directamente á parroquia de Salcedo e cobrarán protagonismo este xoves 7 de marzo no Centro Social de Salcedo Casa Verde, no lugar da Igrexa 

Web A Memoria das Mulleres Mónica Patxot

As biografías de Elvira Lodeiro ou Consuelo Acuña Iglesias, asasinadas polo franquismo durante o que se coñece como os sucesos de Salcedo; a construción da autoestrada do Atlántico; a apropiación dos montes veciñais por parte das institucións; ou a instalación da Brilat nos montes veciñais.

Todos estes temas forman parte dos contidos da web do proxecto Do Gris ao Violeta, afectan directamente á parroquia de Salcedo e cobrarán protagonismo este xoves 7 de marzo no Centro Social de Salcedo Casa Verde, no lugar da Igrexa.

O Concello de Pontevedra organizou este acto na parroquia de Salcedo para presentar a web do programa A Memoria das Mulleres a partir das 19.00 horas. Baixo o título 'Salcedo na web dogrisaovioleta', dará a coñecer a web e os seus contidos á veciñanza da parroquia de Salcedo e destacará toda a información que se recolle na web relativa á parroquia, na que cobran protagonismo, entre outras cuestións, os conflitos nesta parroquia de Pontevedra durante a segunda metade do século XX en diante.

Segundo deu a coñecer o Concello, este acto é o primeiro dunha serie de actividades que teñen como finalidade presentar a web www.dogrisaovioleta.gal nas diferentes parroquias do concello, nos centros educativos e nos barrios.

A web debuxa o mapa de Pontevedra a través da vida das mulleres e vai camiñando da escuridade á luz, do gris ao violeta, ata poñer o foco sobre a historia das pontevedresa. É o resultado do labor de investigación que se veu realizando no programa A memoria das mulleres, un proxecto impulsado pola Concellaría de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra e que ten como obxectivo encher de contido o baleiro que as mulleres ocupaban no relato oficial.

Como divulgadora dos resultados recollidos nos cinco anos de existencia do proxecto A memoria das mulleres, a páxina web estrutura os seus contidos nos tres ámbitos de estudo do programa: Represaliadas e resistentes, Traballadoras e Creadoras e pioneiras. A partir destes eixos temáticos organízanse as historias de vida na sección Biografías e as experiencias e relatos na de Temas.

Ademais a web conta cunha importante galería fotografía que recolle as fotografías e vídeos realizados no proxecto; unha sección de publicacións na que se poden descargar as publicacións do programa; unha sección de Espazo público, coa que se queren visibilizar as accións que o Concello de Pontevedra impulsa de cara a favorecer a presenza das mulleres no espazo público; e unha sección de Novas na que se mantén a actualidade do proxecto.