De 15.040 mostras de saliva recollidas nas farmacias da provincia, 30 resultaron positivas

Pontevedra
18 de febreiro 2021

Segundo os datos que manexa o Colexio Oficial de Farmacéuticos da provincia, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, conformada por 26 municipios, participaron 7.192 cidadáns que fixeron o test de saliva nalgunha das 124 boticas adheridas a este programa

As farmacias pontevedresas participan masivamente no plan de cribado Mónica Patxot

A Xunta informou que das 15.040 mostras analizadas ata o de agora mediante a autorecollida de saliva na provincia de Pontevedra, 30 resultaron positivas.

Son datos que se fixeron públicos este xoves pero que corrresponden ao pasado martes 16 de febreiro. Ata esa data participaron neste programa 19.399 persoas e o mércores incorporáronse 1.959 persoas máis ao cribado ata sumar 21.358 en toda a provincia.

Das 429 farmacias dos 61 concellos da provincia, 381 colaboran neste programa de detección precoz de novos casos de covid-19, o que representa o 88,8%.

Segundo os datos que manexa o Colexio Oficial de Farmacéuticos da provincia, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, conformada por 26 municipios, participaron 7.192 cidadáns que fixeron o test de saliva nalgunha das 124 boticas adheridas a este programas (en total na área sanitaria hai 140 farmacias).

Na cidade de Pontevedra é onde a participación da cidadanía foi máis numerosa con 2.386 persoas que fixeron esta proba da covid-19 nalgunha das 36 farmacias da Boa Vila que se adheriron a este proxecto pioneiro. Cabe salientar que na cidade do Lérez hay 41 farmacias.

Despois da capital, Vilagarcía é o seguinte municipio en participación con 856 persoas, seguido de Marín (771) e Sanxenxo (454). Pódese consultar o resto de concellos na táboa adxunta.

A presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos da provincia de Pontevedra, Alba Soutelo, valorou que a experiencia está a ser "muy positiva" e destacou a "implicación" dos farmacéuticos para participar neste programa en colaboración coa Xunta e que ten por obxectivo incrementar a capacidade de detección de novos casos de covid entre persoas asintomáticas.

Alba Soutelo tamén indicou que a día de hoxe segue a haber "mucho interés de la ciudadanía".

A presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra lembra que con este sistema "todo son ventajas porque siempre hay una farmacia cerca con un profesional al frente" e ademáis é unha proba "muy sencilla".

As oficinas de farmacia ofrecen kits de saliva ás poboacións diana establecidas pola Consellería de Sanidade, persoas de entre 40 e 64 anos, para, posteriormente, enviar estas mostras ao Laboratorio de Microbioloxía de Vigo, onde se analizan. Así, unha vez avaliadas, se lles comunica o resultado ás persoas participantes e, no caso de obter un resultado positivo, se lles realiza unha proba PCR.

Desde este martes esta medida se estendeu ás catro provincias galegas.