David Oubel, o parricida de Moraña, condenado por quedar con 69.000 euros de oito comunidades de veciños que xestionaba

Pontevedra
12 de marzo 2020

En 2017 converteuse no primeiro condenado en España á pena de prisión permanente revisable e esta semana sumou unha nova sentenza da Audiencia Provincial. Deberá cumprir tres anos e medio de cárcere como autor dun delito continuado de apropiación indebida agravada. O fallo xudicial é xa firme, pois el mesmo conformouse co seu contido 

David Oubel, durante o xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra
David Oubel, durante o xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra / Mónica Patxot

David Oubel Renedo, tristemente coñecido polo parricidio das súas fillas de 4 e 9 anos cunha serra radial en Moraña, ten unha nova sentenza condenatoria. En 2017 converteuse no primeiro condenado en España á pena de prisión permanente revisable e esta semana sumou unha nova sentenza, ditada coa súa conformidade. Deberá cumprir tres anos e medio de cárcere como autor dun delito continuado de apropiación indebida agravada

A sentenza, á que tivo acceso PontevedraViva, imponlle tamén unha multa de 9 meses e 1 día cunha cota diaria de 5 euros (un total de 1.355 euros) e o pago dunha responsabilidade civil de 69.651,95 euros para indemnizar ás oito comunidades de veciños afectadas polo seu delito

O fallo xudicial é xa firme, pois el mesmo conformouse co seu contido. É resultado dun acordo de conformidade coa Fiscalía que evitou a celebración do xuízo. O caso chegou á sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, a mesma que xulgou a Oubel polo caso de Moraña, pero á sala xa lle chegou todo pechado e a maxistrada Cristina Navares tan só tivo que ditar a sentenza. Asinouse este martes en Pontevedra. 

En concreto, foi condenado por un comportamento que se remonta á súa época como xestor inmobiliario nunha empresa de Caldas de Reis que tiña coa súa irmá. Ambos eran socios fundadores e administradores solidarios e repartíronse a administración das diferentes comunidades de propietarios que contrataron os seus servizos.

Os feitos ocorreron durante tres anos, entre 2012 e 2015 (o 31 de xullo dese ano entrou en prisión polo brutal crime cometido sobre as súas fillas). Segundo consta no relato de feitos que a maxistrada considerou probado, Oubel actuou "cun evidente ánimo de obter un beneficio económico en prexuízo dos propietarios" das fincas urbanas das comunidades que xestionaba.

Así, aproveitouse da súa condición de autorizado nas contas bancarias abertas polas referidas comunidades para realizar no seu nome e pola súa conta unha serie de actos para incrementar os seus ingresos persoais ou para abonar co seu importe gastos ou atencións particulares, alleos en todo caso aos gastos ordinarios e extraordinarios das comunidades.

En total, quedou de forma indebida con 69.651,95 euros, en concreto: 13.582,14 euros da comunidade dun edificio Pontecesures, 10.122,18 euros dun de Moraña, 3.014,50 euros dun de Cuntis e diversas cantidades doutros cinco inmobles de Caldas de Reis. As cantidades foron 4.835,77 , 6.111,70, 17.733,27, 1.681,77 e 12.570,72 euros en distintos edificios. 

Ademais, nun edificio de Caldas xerou un dano de 2.500 euros pola perda ou a destrución de documentación contable, comercial, bancaria e de actas da comunidade, pois, na súa condición de administrador da comunidade, tiña na súa poder ou baixo o seu control os libros contables, os libros de actas, a relación dos provedores, as facturas, os extractos bancarios e outra diversa documentación e destruíuna ou fíxoa desaparecer pouco antes do 31 de xullo de 2015, día do seu crime.

David Oubel cumpre condena na actualidade a prisión permanente revisable, de modo que esta nova pena non terá unha influencia efectiva na súa estancia en prisión, pero si poderá terse en conta cando chegue o momento de revisar a condena. 

Arquivado en