David Oubel, ante un novo xuízo por apropiarse de diñeiro de comunidades de veciños

Pontevedra
15 de novembro 2018

A Fiscalía acaba de presentar escrito de acusación contra o parricida de Moraña por terse quedado de xeito indebido cunha cantidade que supera os 69.000 euros de oito comunidades de veciños de Caldas e Moraña. Pide que sexa condenado a catro anos e medio de prisión 

David Oubel, durante o xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra
David Oubel, durante o xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra / Mónica Patxot

David Oubel Renedo, condenado a prisión permanente revisable polo asasinato das súas dúas fillas de 4 e 9 anos usando unha serra radial, atópase ante un novo proceso xudicial, neste caso, por un delito ben diferente ao que o mantén no centro penal de Mansilla de las Mulas (León), un delito continuado de apropiación indebida.

O parricida confeso leva máis de dous anos baixo sospeita e investigado pola Fiscalía Provincial pola xestión que facía das comunidades de veciños da comarca de Umia desde a inmobiliaria familiar que rexentaba en Caldas de Reis. Trátase de feitos que sucederon desde o ano 2013 ata 2015, ano no que foi detido polo brutal parricidio.

Unha vez finalizada a fase de instrución que lideraba un Xulgado de Caldas de Reis, o fiscal do caso acaba de formular escrito de acusación, de modo que se aproxima a celebración dun xuízo no que poderían acudir como prexudicadas unhas oito comunidades de veciños. A vista oral, que o volvería sentar no banco de acusados da Audiencia, podería retrasarse pola posible personación de múltiples persoas como acusación particular.

O escrito do fiscal que ten nas súas mans o xulgado implica unha petición de que Oubel sexa condenado a catro anos e medio de prisión por quedarse con diñeiro de oito comunidades de veciños dos municipios de Caldas e Moraña e o pago dunha multa de 1.800 euros, dez meses a razón de seis euros ao día.

Segundo o escrito de acusacion, teríase apropiado dunha cantidade que supera os 69.000 euros desviando fondos das comunidades de veciños que xestionaba para ter un beneficio persoal.

A inmobiliaria era propiedade de David Oubel e da súa irmá e foi esta a que, tras detectar posibles irregularidades, denunciou os feitos. A muller estivo persoada desde o inicio deste procedemento que se segue no xulgado caldense por resultar prexudicada pola presunta estafa que se atribúe ao seu irmán.

David Oubel foi no ano 2017 o primeiro condenado en España á pena de prisión permanente revisable por un brutal crime que cometera dous anos antes, o 31 de xullo de 2015, na súa casa de Moraña. Un xurado popular concluíu por unanimidade que asasinou brutalmente ás súas dúas fillas cunha serra radial eléctrica e un coitelo de cociña e que o fixo con aleivosía e aproveitándose de que as nenas estaban "indefensas".

Xa na propia sala de vistas, foi condenado de viva voz pola maxistrada Nélida Cid, que días despois redactou unha sentenza en papel na que insistiu na brutalidade do crime de David Oubel, que no xuízo recibiu cualificativos como " mostruoso". A maxistrada destacou nesa sentenza que os feitos polos que se lle condenou están "caracterizados pola súa gravidade" e revelan no acusado "perigo e carencia dos mais elementais valores e escrúpulos".

Ademais da condena de prisión permanente revisable, acabou condenado á pena de afastamento ou prohibición de aproximarse á súa ex muller e nai das nenas, Rocío Vieitez Ferro, ao seu domicilio, ao seu lugar de traballo ou calquera lugar no que se atope a unha distancia inferior a mil metros e prohibición de comunicarse con ela por calquera medio, xa sexa verbal, escrito, postal, telefónico telegráfico, telemático ou informático durante 30 anos. En concepto de responsabilidade civil indemnizaraa con 300.000 euros.

Arquivado en