Danan a escultura de Orbil que promociona o Salón do Libro na Peregrina

Pontevedra
08 de marzo 2020

Apenas cinco días durou intacta unha das esculturas da mascota do Salón do Libro Infantil e Xuvenil instaladas como promoción do evento en diferentes puntos da cidade, ao amencer este domingo con importantes danos na súa estrutura

Escultura de Orbil que apareceu danada na Praza da Peregrina
Escultura de Orbil que apareceu danada na Praza da Peregrina / Diego Torrado

Apenas cinco días durou intacta a escultura de Orbil, a mascota do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, colocada na Praza da Peregrina como promoción do evento.

Esta figura, enmarcada nunha actuación artística denominada pola organización do Salón como #OrbilParade e instalada o pasado martes día 3 de marzo, amenceu este domingo con importantes danos na súa estrutura.

En concreto Orbil apareceu cunha pintada no seu fuciño e coas pernas rotas, ameazando con caer ao chan.

A #OrbilParade instalouse só uns días antes da apertura do Salón do Libro, inaugurado o pasado venres e que permanecerá aberto ata o o próximo 28 de marzo.

Ademais da figura na Peregrina, a actuación artística conta con outras seis figuras repartidas pola cidade en lugares como o Parque Amalia Álvarez, a rúa Marqués de Riestra ou o Estadio Municipal de Pasarón.