Os incendios declarados o luns, o martes e o mércores na parroquia pontevedresa de Lérez e nas cotobadesas de Viascón e Tenorio déronse por extinguidos este venres. A Consellería de Medio Rural informou de que ao longo da mañá os servizos de extinción consideraron que ambos os dous lumes deixaban xa de estar activos.
No caso de Lérez, deuse por extinguido ás 11.03 horas destes venres despois de comezar ás 23.35 horas do martes. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 17 hectáreas, das cales 15 son arboradas e o resto rasas, a pesar de que inicialmente se falara de 30. Na súa extinción traballaron un técnico, seis axentes, 10 brigadas, sete motobombas, unha pa e un helicóptero.
En Viascón, no Concello de Cotobade, o lume comezou ás 20.21 horas do mércores e deuse por extinguido ás 11.43 horas deste venres. Segundo últimas estimacións, a superficie afectada é de 40 hectáreas arboradas. No lugar traballaron un técnico, sete axentes, sete brigadas, oito motobombas e dúas pas.
O de Tenorio iniciouse ás 17.20 horas do luns, permanecía controlado desde as 10.45 horas deste xoves e deuse por controlado na tarde deste venres. Segundo as últimas estimacións provisionais, a superficie afectada é de 365 hectáreas, das cales 255 son arboradas e 110 de monte raso. Na súa extinción levan traballado tres técnicos, 20 axentes, 38 brigadas, 18 motobombas, sete pas, 15 helicópteros e tres avións.
Por outra parte, Medio Rural mantén como controlado, pero non extinguido aínda o lumes de Saiar, en Caldas de Reis. Permanece controlado desde as 9.00 horas deste xoves tras iniciarse ás 15.51 horas do luns e, segundo as últimas estimacións provisionais, a superficie afectada é de 300 hectáreas de arborado. Na súa extinción levan traballado tres técnicos, 20 axentes, 38 brigadas, 20 motobombas, dúas pas, 11 helicópteros e dous avións.