Da Silva: "Os veciños de Pontevedra merecen o mesmo respecto que os doutros sitios onde lles perigan as casas"

Pontevedra
10 de agosto 2016

O goberno local de Pontevedra volve amosar o seu malestar pola falta de comunicación e de coordinación por parte da Xunta de Galicia. Por outra parte, a presidenta da Deputación Carmela Silva está a visitar os lugares da provincia afectados polos incendios

Incendio en Castelo, Lérez Cristina Saiz

A alcaldesa en funcións de Pontevedra, Carme da Silva, volveu reiterar o malestar do goberno local coa consellería de Medio Rural e cos dirixentes da Xunta de Galicia, que tampouco mantiveron comunicación cos servizos de emerxencia de Pontevedra durante as últimas horas cando se detectaron os incendios na Canicouva e en O Castelo, na parroquia de Lérez.

A concelleira nacionalista sinalou que os veciños de Pontevedra que teñen en perigo as súas casas merecen o mesmo respecto que aqueles de outros concellos nos que tamén hai veciños con propiedades en risco. En todo caso, Da Silva volveu destacar o traballo que realizan os distintos servizos de extinción de incendios e dirixiu as súas críticas á falta de coordinación por parte da Xunta de Galicia para mellorar a eficacia destes traballos.

VISITAS DA PRESIDENTA DA DEPUTACIÓN

Pola súa banda, a presidenta da Deputación Carmela Silva vai visitar todos os concellos nos que se orixinaron incendios durante estes días. Segundo apuntou a presidenta provincial, desde o Consorcio de incendios da Deputación mantivéronse as 24 horas pendentes do estado dos lumes, apoiando aos servizos da Xunta de Galicia.

O Consorcio interveu naqueles casos nos que se rexistra perigo para as persoas ou para as vivendas. Apuntou que moitos dos bombeiros incorporáronse ao traballo, de forma voluntaria, a pesar de que se atopaban en período de vacacións.

Carmela Silva realizou un chamamento á responsabilidade e reclamou ás persoas que provocan os incendios a que pensen nos danos que causan ás familias e ao conxunto da provincia.