Dá positivo por alcol cunha taxa de 0,65 en sangue co seu fillo de dous anos no asento traseiro

Pontevedra
04 de outubro 2024

A Policía Local de Pontevedra denunciou un condutor que, no marco dun control de alcoholemia realizado de madrugada, deu positivo por máis do dobre do valor permitido cando circulaba acompañado dunha muller e o seu fillo, duns dous anos de idade. Ocorreu na Rúa da Barca  

Control da Policía Local de Pontevedra na ponte das Correntes o sábado 6 de febreiro Cristina Saiz

A Policía Local de Pontevedra denunciou un condutor que, no marco dun control de alcoholemia realizado de madrugada, deu positivo por máis do dobre do valor permitido cando circulaba acompañado dunha muller ​e do seu fillo, duns dous anos de idade, no asento traseiro.

Ocorreu durante a madrugada do pasado sábado 28 de setembro na Rúa da Barca.

Explica a Policía que o home deu positivo cunha taxa en sangue de 0,65mg/l, máis do dobre do permitido e constitutiva dun presunto delito contra a seguridade viaria. Ademais a súa acompañante non puido facerse cargo do vehículo ao rexistrar unha taxa de 0,40.

Debido a iso foi necesario que o avó do neno se achegase ao lugar para recoller o coche e levar a todos os seus ocupantes.

Segundo a Policía Local, nos diversos controis de alcoholemia e drogas realizados a pasada fin de semana na cidade detectou un total de 14 resultados positivos, sete deles por alcoholemia e outras sete por conducir baixo o efecto das drogas.

As sancións ás que se enfrontan os condutores denunciados por alcoholemia son dunha multa de entre 500 e 1.000 euros ademais da retirada de 4 ou 6 puntos do seu carné sempre que a taxa rexistrada no control fose inferior a 0,60mg/l.

No caso dos positivos por drogas, as sancións serán de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do carné de conducir.