Dá positivo en alcoholemia ao ser localizado conducindo en sentido contrario por Poio

Poio
08 de setembro 2024

A Policía Local de Poio interceptaba o infractor ás 19.45 horas deste sábado 7. O vehículo foi inmobilizado, facéndose cargo do turismo outro condutor

Un axente da Policía Local realiza a proba de alcoholemia ao condutor Policía Local de Poio

Na tarde do sábado 7 de setembro, a Policía Local de Poio detivo un condutor que circulaba en sentido contrario e deu positivo na proba de alcoholemia.

O incidente tivo lugar aproximadamente ás 19:45 horas.

Segundo o informe policial, os axentes observaron un vehículo circulando en dirección contraria á permitida. Ao dar o alto ao condutor e sometelo á proba de alcoholemia, o resultado foi positivo.

A Policía Local lembra á cidadanía que conducir cunha taxa de alcol superior á autorizada pode supoñer sancións severas como unha multa de ata mil euros e a retirada de entre catro e seis puntos do carné de conducir.

Ademais, se a taxa supera os 0,60 mg de alcol en aire espirado, o delito pasa a ser considerado unha infracción penal.

As autoridades tamén advirten que conducir baixo os efectos das drogas conleva unha multa de 1.000 euros e a perda de 6 puntos do carné.

Como consecuencia deste incidente, o vehículo do infractor foi inmobilizado, facéndose cargo do turismo outro condutor posteriormente.