Curtido no Tarajal e Angrois e agora novo xefe da Policía Autonómica de Pontevedra

Pontevedra
03 de maio 2018

Pablo Álvarez Montesinos leva dúas semanas traballando nas dependencias da Policía Autonómica, en Pontevedra. Ocupa o despacho do fondo, o reservado para os xefes, pois volveu á súa cidade para estar á fronte dunha unidade con 100 axentes na provincia, 50 na sede local

Pablo Álvarez Montesinos Alejandro Vila

Pablo Álvarez Montesinos leva dúas semanas traballando nas dependencias da unidade da Policía Nacional adscrita a Galicia, a coñecida como Policía Autonómica, en Pontevedra. Ocupa o despacho do fondo, o reservado para os xefes, pois asumiu o reto de substituír a José Manuel Sánchez á fronte dunha unidade con 100 axentes na provincia, 50 na sede pontevedresa. O camiño ata aquí non foi de rosas e deixou no seu currículo destinos tan complicados como Ceuta e a xestión da fronteira do Tarajal, a seguridade cidadá de Santiago de Compostela durante a traxedia do Alvia en Angrois ou o País Vasco dos anos 80.

Curiosamente, este novo destino, no que xa aspira a xubilarse, supúxolle un regreso ás súas orixes, pois Pablo Álvarez é pontevedrés de nacemento e na cidade ten a toda a súa familia. Eles quedaron sempre na terra mentres el peregrinou por toda España desde que no ano 1979 ingresou no Corpo Nacional de Pontevedra. 

A formación é, para el, unha constante e unha necesidade na súa carreira e así aspira a instauralo entre os seus subordinados nesta nova etapa, pero el tamén deu exemplo. Tras unha intensa etapa de formación na Academia Xeral Militar e a Academia Especial de Xefes e Oficiais da Policía Nacional de San Lorenzo del Escorial, o seu primeiro destino foi Bilbao, na que el mesmo define como "a época dura do País Vasco" e asumiu tarefas de seguridade cidadá. 

Logrou achegarse a casa tras aquela etapa e estivo destinado na Coruña na entón Reserva Xeral, hoxe Unidade de Intervención Policía ( UPR) nunha etapa que lle "marcou", pois viviu momentos tan complicados como o naufraxio do cargueiro Casón que no ano 1987 embarrancó na costa en Fisterra. Coa súa compañía encargouse da evacuación da comarca de Fisterra e o traslado dos bidóns do barco a Burela. 

Chegou despois unha tempada en Pontevedra, asumindo a delegación de formación e a área de Persoal da Comisaría, pero logo optou por irse de forma voluntaria a Ceuta, á fronteira do Tarajal, onde coñeceu "a problemática da transhumancia de seres humanos desde Marrocos" durante tres anos que "me marcaron moito". 

"Angrois foi un tema moi duro, quizais o máis duro que pasei na miña vida profesional"

Outra etapa en seguridade cidadá na Coruña, un breve período en Pontevedra e chegou ao seu destino previo ao actual, oito anos na Comisaría de Santiago de Compostela. Alí estaba o 24 de xullo de 2013, cando o tren Alvia Madrid-Ferrol descarrilou no barrio de Angrois, nun accidente que deixou finalmente 80 mortos e máis de 140 feridos. 

Pablo Álvarez foi o responsable de toda a evacuación do tren sinistrado e lembra aquel día con "tristeza", pero tamén "satisfeito" pola enorme implicación da Policía Nacional e, en xeral, de toda a sociedade. Está seguro de que "as imaxes que teño gravadas na miña mente creo que non as poderei borrar na vida", pois "foi un tema moi duro, quizais o máis duro que pasei na miña vida profesional".

"Si tivera mortos, atentados terroristas no País Vasco, compañeiros que faleceron no Tarajal, pero ver o que vi... Aínda hoxe creo que estou marcado polas desfeitas humanas", rememora. Está satisfeito porque está convencido de que foron 80 falecidos, pero se non fose un 24 de xullo e estivese en marcha o dispositivo de seguridade das festas do Apóstolo en Santiago "poderían ser cento e pico ou máis".

"Se isto fora nun domingo normal, sería un masacre", manifesta aínda afectado. Por fortuna, a evacuación que el dirixiu "foi rápida", de modo que "se evitaron unha chea de mortes por amputación". Xunto aos seus compañeiros recibiu asesoramento psicolóxico e agora xa fala do tema con normalidade, pero tras aquilo estivo dous meses sen poder comer carne.

Rememora que el mesmo instaurou aquel día a 'Circular 50', un protocolo que a Policía pon en marcha ante atentados terroristas. Puido desactivala ao pouco tempo, pero valora que "estivemos a extraer xente dos vagóns durante tres cuartos de hora que foron cruciais grazas á valentía da Policía, a Garda Civil e os cidadáns porque aínda sabendo que podía ser un atentado a xente seguía axudando".