O Concello de Cuntis deu un novo paso para garantir o benestar dos seus veciños máis vulnerables aprobando a licitación do contrato de Atención a Domicilio por un importe total de 2.664.560 euros durante dous anos.
O contrato estima 38.000 horas anuais a un prezo de 23,20 euros a hora, dos cales 12 estarán financiados pola Administración autonómica e o resto polo Concello.
Este servizo, que beneficia a preto de80 persoas con diferentes graos de dependencia, permitirá seguir prestando unha atención integral no fogar aos usuarios, que disporán dun equipo de 31 profesionais especializados que lles axudarán na súa hixiene persoal, administración da medicación, acompañamento en paseos terapéuticos, facer a compra ou cociñar.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, destacou a importancia deste programa, subliñando que "é prioritario e irrenunciable para nós".
Ademais, explicou que o envellecemento da poboación é unha realidade que obriga aos concellos a deseñar políticas específicas para garantir unha vida digna aos maiores.
Por último, desde o Concello incidiron en que o proxecto non só beneficia aos usuarios, senón tamén ás familias para que poidan conciliar a vida laboral e familiar.
Para poder beneficiarse deste servizo, é necesario contar cunha valoración de Benestar Social que determine o grao de dependencia.