Cuntis saca a licitación a mellora de camiños na aldea de Fontecova

Umia
21 de outubro 2021

Cuntis proxecta a mellora de camiños na aldea de Fontecova, arranxando o firme existente nun tramo do camiño de acceso e do interior deste lugar do municipio

Obras nun vial de Cuntis Concello de Cuntis

Cuntis proxecta a mellora de camiños na aldea de Fontecova, arranxando o firme existente nun tramo do camiño de acceso e do interior deste lugar do municipio.

A actuación que sae a licitación neste camiño vai afectar a un tramo cunha lonxitude de 1.100 metros e unha superficie de 6.270 metros cadrados. Ademais, procederase á construción de bandas redutoras de velocidade para que reforcen a seguridade do vial.

Previamente, efectuarase a limpeza de bordos e cunetas e o varrido do firme existente por medios mecánicos.

Para a mellora da evacuación das augas pluviais, procederase á limpeza e encintado de cunetas existentes construídas con medios canos de formigón e á apertura e construción doutras novas naqueles puntos do camiño que carecen delas.

Procederase tamén á instalación de canalizacións para a recollida de augas pluviais así como de novos sumidoiros.

Como complemento ás obras de pavimentado realizaranse os traballos de acondicionamento e mellora de dous elementos de valor etnográfico e cultural, como son un lavadoiro e unha fonte. 

O importe do proxecto ascende a 92.580 euros, que se financian a través dunha subvención do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra (72%) e con fondos propios do Concello (28%).

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos destacou "o compromiso do Goberno municipal por seguir mellorando as infraestruturas no rural e por dar resposta ás necesidades da veciñanza facilitando unhas boas conexións por estrada".