A Festa Gastronómica do Lacón con Grelos arrinca este venres incluíndo un recoñecemento do Concello de Cuntis a un establecemento histórico do municipio.
Nesta ocasión será o Café Quico o negocio local homenaxeado como "testemuño directo da evolución e crecemento que experimentou a nosa vila en todo este tempo, ademais de formar parte da nosa historia e tradición", en palabras do alcalde, Manuel Campos.
Terá lugar este venres 1 de marzo tras a Gala do Chapante coa que se inicia a vixésimo quinta edición da cita gastronómica de Cuntis. Estes empresarios recibirán un obsequio conmemorativo e tamén se entregarán agasallos aos dez establecementos que participaron na última edición do TapaLacón e que "foi un éxito rotundo a pesar das inclemencias meteorolóxicas".
A gala comezará ás 21.00 horas no Centro Sociocultural Patelas onde se coñecerá a vestimenta que este 2024 luza o Chapante e actuará o Grupo Chumpá Teatro.
O Café Quico sitúase no comedor do antigo Hotel Rivas, construído a principios do século XIX. Adquiriuno Perfecto Alonso Vilar en 1920 e en 1936 o seu fillo Antonio Alonso Gómez asumiu o negocio ata a década dos oitenta. A substitución tomouna o seu actual propietario, Antonio Alonso 'Tito' que continúa á fronte do negocio xunto á súa filla Esther Alonso.
Durante estes máis de cen anos atendendo a cuntienses e foráneos foi e é un punto de encontro para moitas xeracións.
"Quero agradecer o traballo, implicación e esforzo exemplar deste negocio familiar no que se viviron unha infinidade de anécdotas en todo este tempo", sinalaba o alcalde.