Cuntis pon en marcha o novo programa de compostaxe individual coa distribución de 97 composteiros

Umia
08 de setembro 2020

O persoal técnico do Plan Revitaliza encárgase de explicar o proceso de compostaxe e facilítalle a cada usuario un documento coas instrucións de uso e toda a información e formación necesaria para a súa utilización

Reparto de composteiros individuais en Cuntis Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis comezou o reparto de preto dun cento de composteiros entre a veciñanza do municipio dando inicio ao novo programa de compostaxe individual activado ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. O alcalde, Manuel Campos, informou que xa foron entregados 15 depósitos por parte dos mestres composteiros e que ao longo dos próximos días continuará a súa distribución ata asignar un total de 97.

Os composteiros concédense previa solicitude e estanse entregando casa a casa porque as anteriores entregas colectivas quedaron canceladas por seguridade fronte a covid-19. Cada veciño beneficiario farase responsable do seu composteiro. O Concello lembra que son asignados en modo de préstamo e que en ningún caso pasarán a ser elementos privados. Porén, os usuarios deberán facer un uso correcto dos mesmos.

Para tal fin, xunto coa entrega, o persoal técnico do Plan Revitaliza encárgase de explicar o proceso de compostaxe e facilítalle a cada usuario un documento coas instrucións de uso e toda a información e formación necesaria para a súa utilización. Con todo, cada estación será examinada periodicamente por mestres composteiros da Deputación, que tamén se encargarán de manter o control que garantirá que o proceso de creación de compost se desenvolva de maneira adecuada e de resolver calquera dúbida.

Por outro lado, o Concello de Cuntis ten en funcionamento dende o pasado mes de maio o seu primeiro centro de compostaxe comunitaria. Está situado na rúa da Presiña, a carón da Aula CeMit, e dá servizo a unhas 100 familias que habitan nun radio duns 150 metros da estación. É atendido polo persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación para garantir un correcto funcionamento e obter compost de boa calidade.

Os técnicos encargarase de supervisar que a veciñanza realice as achegas de lixo de maneira correcta e que este se tapa coa cantidade axeitada de estruturante, de realizar as aireacións, medidas de temperatura e transvases entre os módulos de maduración, así como de controlar moitos outros parámetros do proceso de compostaxe e de vixiar que non se introducen no composteiro elementos que poderían baixar a calidade do futuro fertilizante. O Concello lembra que se poden sumar aínda máis familias á utilización do centro.

Manuel Campos celebrou a posta en marcha do programa de compostaxe individual e puxo en valor os beneficios desta modalidade sustentable de xestión dos residuos orgánicos domésticos. “É moi importante avanzar na redución dos residuos orgánicos que acaban no colector, tanto polo aforro que supón para o Concello ao aminorar as entregas a Sogama, como polos beneficios ambientais que produce poder darlle unha segunda vida aos desperdicios a través dunha transformación totalmente ecolóxica”, afirmou.

Finalmente, o rexedor mostrouse satisfeito pola boa acollida e a boa disposición por parte da veciñanza a colaborar sumándose a este plan.